Imputan a un activista compostelán por queimar unha foto do Rei
O denunciado subiu ás redes sociais o vídeo, defendendo que "o acto gravado non se debe considerar delito".
O activista compostelán polos dereitos civís Renato Núñez recibiu, segundo denuncia, "por erro", este luns 6 de marzo unha notificación de imputación da Audiencia Nacional por un vídeo sobre a liberdade de expresión que subiu ás redes sociais, "ao que equivocadamente atribúen un suposto delito contra Institucións do Estado".
O promotor da Plataforma polos Dereitos Civís afirma que non impulsa ningunha reacción a esta imputación ao entender que "hai un erro por parte da Fiscalía, pois o vídeo subido ás redes sociais Facebook e Twitter non fai ningún ataque contra ningunha institución, senón que defende que o acto gravado non se debe considerar delito". Así, está chamado a declarar o próximo 8 de marzo.
Este vídeo, explica, foi realizado no contexto das detencións de independentistas cataláns que queimaran retratos do monarca español durante a Diada, aos que se sumaron deputados en solidariedade co fin de protexer o exercicio dos dereitos fundamentais e, entre eles, o da liberdade de expresión.
Deste xeito, Renato Núñez considera "un erro" esta notificación de imputación pois, precisamente, o que expresou coa gravación e difusión do vídeo é que "ese feito non debe ser considerado delito, polo que non pode ser estimado como un ataque contra a Coroa nin contra as Institucións".
Escribe o teu comentario