Tres pontevedreses enfróntanse a máis de 8 anos de cárcere por tentar estafar ao seguro
Están acusados de simular un accidente de tráfico para cobrar as indemnizacións de forma fraudulenta.
A Fiscalía solicita penas que suman máis de 8 anos de prisión para tres acusados, que serán xulgados o martes e o mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (sede de Vigo), por simular un accidente co fin de beneficiarse na tramitación das indemnizacións do seguro.
Segundo o escrito de acusación pública, M.R.R. púxose de acordo coa súa nai, L.R.V. (que era axente mediador da compañía de seguros Generalli) e coa súa tía, J.R.V., para simular un accidente de tráfico. Así, presentou unha denuncia por un falso sinistro ocorrido o 26 de setembro de 2011, no que supostamente a súa tía impactara o seu coche contra a motocicleta del, asegurada por Generalli.
Ambos cubriron un parte de accidente, no que J.R.V. asumía a culpa do choque, e a denuncia deu lugar a un xuízo de faltas, pero o procedemento arquivouse por acordo extraxudicial das partes. De maneira que a compañía aseguradora do coche da muller, Patria Hispana, indemnizou a M.R.R. e pagou diversos gastos ata case 4.000 euros.
En abril de 2012, o acusado presentou unha demanda contra Patria Hispana para reclamarlle outros 1.665,87 euros por diversos danos na súa moto, ocasionados, segundo a súa versión, no sinistro de setembro do ano anterior. Pero o procedemento arquivouse por renuncia de M.R.R., quen se decatou de que a compañía aseguradora estaba a investigar a veracidade dos feitos.
A Fiscalía atribúe a M.R.R., á súa nai e á súa tía unha simulación de delito e, ademais, a el considérao tamén autor dun suposto delito de estafa procesual. Para o primeiro reclama penas que suman 3 anos e tres meses de prisión, e unha multa de 1.800 euros; mentres que solicita dous anos e medio de cárcere para cada unha das mulleres. Pide tamén que todos os acusados indemnicen solidariamente a Patria Hispana nos case 4.000 euros supostamente estafados.
Escribe o teu comentario