Unha condutora métese por erro na vía do tren no Porriño
Un guindastre retirou o coche pasadas as doce da noite. A esa hora non había ningún ferrocarril pendente de pasar pola zona.
O coche entrou polo paso a nivel. // Foto: @cyrpontevedra
Un guindastre retirou a última hora da noite do luns un vehículo das vías do tren no paso a nivel do Porriño tras meterse por erro unha condutora.
Segundo informou o 112 Galicia, sobre as 23,30 horas do luns un particular pedía axuda ao servizo de emerxencias para retirar un vehículo na vía do tren.
O alertante indicou que a condutora estaba ben pero, por erro, meteuse na vía e non podía retirar o vehículo. Por iso, o 112 Galicia pasou aviso ao persoal do servizo de emerxencias de Adif, que asegurou que non había circulación férrea pendente nesa zona.
A Policía Local tamén foi requirida polo persoal do 112 Galicia. Sobre as 00,15 horas deste martes os axentes comunicaron ao CAE 112 Galicia que o vehículo fora retirado por un guindastre.
Ademais, sinalaron que se informou aos técnicos de Adif dos posibles danos nunha caixa de electricidade ocasionados ao retirar o turismo.
Escribe o teu comentario