Noriega non vai "ser pesado" propoñendo ao Bloque entrar no goberno

Celebra que en Pontevedra a marea poida chegar a un acordo co BNG pero ve complicado que os pactos puntuais poidan "fixar unha posición unitaria" en toda Galicia.


|


Noriega


O alcalde compostelán, Martiño Noriega, celebrou que o BNG de Pontevedra abrise a porta á integración da marea pontevedresa no goberno local e indicou que "o coherente" sería que sucedese o mesmo en Santiago logo de que a formación frontista apoiase a aprobación dos orzamentos.


Con todo, nunha entrevista concedida a RNE recollida por Europa Press, Noriega descartou volver propoñer un pacto de goberno ao BNG santiagués. "Un non debe reincidir nas peticións cando sabe que a resposta vai ser a mesma porque corre o risco de ser pesado", remarcou, en referencia á negativa recibida por parte da asemblea local do Bloque, que descartou integrarse no goberno de Compostela Aberta.


Así as cousas, mostrouse "respectuoso" ante esta decisión, á vez que mostrou a súa satisfacción pola posibilidade de que Marea de Pontevedra pase a formar parte do goberno local, xa que "iso redundará en beneficio da cidade".


Logo de que a pasada semana o pleno municipal de Santiago dese luz verde aos orzamentos para este ano, o rexedor negou que se producise un "intercambio de favores" entre BNG e mareas a raíz do apoio desta última ás contas do goberno de Fernández Lores en Pontevedra.


"Se o houbo, houbo unha dilatación temporal moi grande", apostilou, para logo indicar que a "fragmentación das corporacións" tras as municipais de 2015 obriga os concellos a un "exercicio de diálogo" na que "a situación de cada partido, en concreto do PSOE, non axuda a fixar unha posición unitaria no conxunto do país".


"Ás veces é dificilmente explicable que forzas que comparten un espazo político non poidan cooperar polo ben da cidade", manifestou.


BALANCE DE GOBERNO


Noriega fixo balance do máis de ano e medio desde a chegada de Compostela Aberta ao Pazo de Raxoi e sobre se se cumpriron as "altas expectativas xeradas polo proceso de cambio" na cidade. "Non sei se hoxe se cumpriron; traballamos para que se cumpran ao final da lexislatura", incidiu.


Deste xeito, o alcalde compostelán cre que no último ano "convertéronse ruídos en silencios" grazas á "aprobación dos orzamentos" ou a "captación de fondos", polo que se mostrou "optimista" para que "a xente valore ao final da lexislatura se se estivo á altura".


CASO DUARTE


Por outra banda, Noriega volveu repetir en que o caso do concelleiro de Espazos Urbanos, Jorge Duarte, investigado por un suposto trato de favor a locais de lecer nocturno; non constitúe "un caso de corrupción", xa que "en ningún momento actuou por enriquecemento nin en beneficio de ninguén".


Por tanto, asegurou que Compostela Aberta espera que "o caso quede arquivado" porque o suposto delito de prevaricación de Duarte foi "unha interpretación dun marco legal que afecta á hostalería e que está sen desenvolver a nivel autonómico".


PORTAVOCÍA ANOVA


Noriega anunciou esta semana que deixará de ser coportavoz de Anova na asemblea que a formación nacionalista celebrará en marzo en Pontevedra, unha decisión que xustificou porque "a responsabilidade de ser alcalde da capital do país" o obriga a "non exercer de parte" para poder "representar o conxunto" da "candidatura de unidade popular".


Un paso á beira que, segundo Noriega, "non significa renunciar" ás súas "orixes" nin á súa militancia en Anova, formación que abre "unha nova etapa" na que "debe seguir incidindo na construción dese amplo espazo". "Pero o meu rol debe estar noutra liña. Tócalle a outros homes e mulleres a construción da marea", manifestou.


En canto a quen o debe suceder no cargo, que ocupa na actualidade xunto a Xosé Manuel Beiras, indicou que o deputado de En Marea Antón Sánchez "ten peso específico", "carga simbólica" e a "valoración" suficiente para asumir ese rol.

relacionada Noriega defende "pasos firmes e claros" contra a exclusión social
relacionada Noriega inicia unha rolda de encontros con veciños para "render contas"
relacionada Santiago aproba os seus orzamentos co apoio de Compostela Aberta e BNG

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE