Arrinca en Galicia a rolda de contactos para facer fronte ao reto demográfico

A comisionada Edelmira Barreira cre que aquí hai iniciativas que se deben valorar como exemplo de "boas prácticas" para outros ámbitos do Estado.


|

Demografiacarritobebe


Galicia é a primeira parada da rolda de encontros que a comisionada para o reto demográfico, a galega Edelmira Barreira, manterá con responsables de todas as comunidades para recoller información sobre os problemas e as iniciativas de cada rexión para a elaboración da Estratexia nacional fronte ao reto demográfico acordada pola Conferencia de Presidentes.


Tras reunirse co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela,  Barreira destacou o "traballo importante" realizado pola Xunta de Galicia en materia de "conciliación, de natalidade e de apoio á familia", cuxas iniciativas considerou que se deben solicitar e valorar como exemplo de "boas prácticas" para outros ámbitos do Estado.


"O que nos corresponde agora é facer unha recollida de información das iniciativas e problemas que afectan a cada unha das partes do territorio español e tentar buscar entre todos unha diagnose clara e unha serie de propostas efectivas que nos permitan afrontar esta realidade demográfica e a posible evolución no futuro", manifestou.


Así mesmo, preguntada polos xornalistas sobre se xa hai algunha proposta concreta, lembrou que este é o primeiro dos encontros mantidos con responsables de comunidades para a elaboración do documento que se materializará ao longo deste ano. "O primeiro é solicitar información do que se está facendo para ver que máis se pode facer e como se pode facer mellor", incidiu.


TRABALLO IMPORTANTE


Neste punto destacou que "en Galicia hai un traballo moi importante en temas de conciliación, de natalidade e de apoio á familia que merece a pena ser solicitado e mesmo valorado e exposto como boas prácticas noutros territorios".


Ademais, tras asegurar que non se pode "descartar" ningunha medida "a primeira vista", avogou por "facer un diagnóstico claro a partir da realidade social". "Aquí fixéronse enquisas nas que se revelaba que, no ámbito familiar, un dos elementos máis determinantes á hora de ter fillos ou formar unha familiar cun maior número de membros son as iniciativas de conciliación", apuntou.


Con todo, a comisionada para o reto demográfico recoñeceu que "un problema que se leva producindo os últimos 30 anos non se vai poder solucionar dun día para outro". "Temos que aprender a convivir e corrixir a evolución demográfica á que nos vemos avocados", apuntou.


Ademais, preguntada respecto diso, incidiu en que o tema demográfico "está estritamente vinculado ao tema do emprego" e á "actividade económica". "Non hai conciliación se non hai un traballo co que conciliar", asegurou para sinalar que "ten que haber unha parte importante de incentivo ao emprego e á estabilidade económica" para mellorar a natalidade.


Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta celebrou a elección da galega Edelmira Barreira para este labor e asegurou que tanto o Goberno do Estado, como as administracións autonómicas e as entidades locais "teñen moito que dicir" nun problema "grave" como é o demográfico.

relacionada CESM pide a Feijóo "medidas reais" e "prácticas" contra o "inverno demográfico"
relacionada Rajoy elixe unha galega para "facer fronte ao reto demográfico"
relacionada Máis tarifa plana e 32 semanas de permiso de maternidade para os autónomos galegos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE