As protestas polo traslado do cura de Friol chegan á Santa Sé
O alcalde do municipio lucense traslada unha carta ao embaixador de España ante a Santa Sé para que intermedie fronte a a postura "ditatorial" da Diocese.
O Embaixador de España ante a Santa Sé, D. Eduardo Gutiérrez Sáenz de Buruaga // www.exteriores.gob.es
O alcalde de Friol (Lugo), o popular José Santos, remitiu unha carta ao embaixador de España ante a Santa Sé polo traslado do cura José Ángel Pérez á localidade de Ribas de Sil.
"Esta decisión (o traslado) ordenada desde o Bispado (de Lugo), non é entendida entre os nosos veciños nin cren que teña fundamento algún", afirma o rexedor no escrito dirixido a Eduardo Gutiérrez Sáenz de Buruaga.
"Comentan os de máis avanzada idade, que é un cura excepcional, que consegue que a xente de todas as idades, nenos e maiores vaian a misa por vontade propia", segundo subliña na misiva.
Ademais, o alcalde confirmou que, á súa vez, comunícaselle ao embaixador "a postura que desde a Diocese de Lugo (que leva o bispo Alfonso Carrasco Rouco) está a manter neste tema". "Unha postura ditatorial e sectaria, todo o contrario ao que debe ser a Igrexa", reprochou.
Mentres, seguen as mobilizacións o domingo ante a parroquia de Transmonte en Friol. José Santos avanzou que continuarán os veciños manifestándose, en protesta pola actitude do bispo de desatender as demandas veciñais, cada domingo ante as igrexas das parroquias de Friol. A próxima celebrarase en Seixón, o domingo ás 11,00 horas.
Escribe o teu comentario