O Casco Vello de Vigo cambia os bolardos por un sistema de lectura de matrículas
O novo sistema non bloquea os accesos como pode ocorrer cando se averían os bolardos, e dá máis facilidade a os vehículos de emerxencias.
O Concello de Vigo modificará de forma inminente o sistema de acceso de vehículos ao Casco Vello, que actualmente se xestiona con bolardos retráctiles, segundo avanzou este venres o alcalde, Abel Caballero.
Nunha rolda de prensa, o rexedor explicou que se eliminarán os bolardos e que se instalaron semáforos con lector de matrícula, de maneira que soamente se poñerán en fase verde cando detecten as matrículas de coches autorizados (que se rexistraron previamente).
Caballero sinalou que o sistema está listo para funcionar, e que se poñerá en vigor nun prazo breve, o tempo necesario para publicitar as novas medidas e rexistrar as matrículas.
No caso de que un coche non autorizado entre no Casco Vello, co semáforo en vermello, "será sancionado", coa excepción de ambulancias ou outros vehículos de emerxencias.
O novo sistema, explicou o alcalde, ten a vantaxe de que non bloquea os accesos como pode ocorrer cando se averían os bolardos, e dá máis facilidade aos vehículos de emerxencias.
Escribe o teu comentario