PSA negocia a compra de Opel
Advirte, con todo, de que non existen garantías de que se poida pechar o acordo con General Motors, dona da marca alemá.
O grupo PSA mantén negociacións con General Motors (GM) acerca da posible compra da división europea de Opel, segundo anunciou nun comunicado o grupo automobilístico, que conta cunha planta en Vigo. PSA explica que desde 2012 veu traballando con General Motors nunha alianza industrial que, ata a data, abarca tres proxectos en Europa e xera "substanciais sinerxias" para os dous grupos.
"Neste contexto, General Motors e PSA examinan regularmente posibilidades de expansión adicional e de cooperación. PSA confirma que, xunto con General Motors, está a explorar diversas iniciativas estratéxicas co obxecto de mellorar a súa rendibilidade e eficiencia operativa, incluída unha potencial adquisición de Opel", sinala o comunicado.
PSA, que advirte de que non existen garantías de que poida pecharse finalmente o acordo, é o fabricante de marcas como Peugeot, Citröen ou DS. A súa alianza con General Motors alcanza ámbitos como o negocio das furgonetas e SUV comerciais, unha área considerada unha reliquia do último intento de ambas as empresas ampliar a súa alianza.
A eventual compra da división europea de Opel permitirá de PSA reforzar a súa cota de mercado no continente e mellorar as súas opcións para competir directamente con Volkswagen.
Escribe o teu comentario