Homenaxean en Santiago a Fermín Bouza Álvarez, un 'gentleman' ao que "lle gustaba molestar"

Intelectuais e políticos galegos lembran o sociólogo e escritor compostelán que faleceu o pasado 29 de outubro.


|

Ferminbouzahomenaje


Intelectuais, políticos e escritores reuníronse este domingo no Teatro Principal de Santiago de Compostela nunha "homenaxe nacional" ao sociólogo Fermín Bouza Álvarez, falecido o 29 de outubro do ano pasado.


Neste acto, que levaba por título 'Somos ferministas', definiron a Bouza Álvarez como un 'gentleman' que sentía "fascinación polo popular", que amaba Santiago e Galicia e ao que "lle gustaba quedar mal e molestar".


O evento organizouno a revista Luzes, publicación da que formaba parte o homenaxeado e coa que colaboraba asiduamente, e estivo presentado polos directores da mesma, Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro.


Segundo o ensaísta Antón Baamonde, tratouse dunha cuestión de "xustiza poética" que esta homenaxe se celebrase no Teatro Principal, un lugar que "condensa a historia de Galicia e Santiago" polo que pasaron "todas as grandes figuras do país".


Neste sentido, Baamonde lembrou que desde ese escenario dirixíronse ao público Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Castelao, ademais de servir de emprazamento "no tempo da República" para asembleas coas que se "tentaba combater o conservadurismo".


"GUSTÁBALLE MOLESTAR E QUEDAR MAL"


Así mesmo, o tamén profesor de filosofía afirmou que Bouza Álvarez é "unha das mellores persoas que coñeceu" e describiuno como unha 'gentleman' que sentía "fascinación polo popular" e que "amaba Santiago e Galicia"


Pola súa banda, o xornalista, escritor e político Antón Losada destacou que ao homenaxeado "lle gustaba molestar e quedar mal", calidade que ve positiva "nun país como Galicia onde á xente lle gusta quedar ben".


O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, explicou que con esta homenaxe non só se está recoñecendo á figura do sociólogo, senón que tamén a unha estirpe --en relación a Bouza Brey, pai do homenaxeado-- de persoas que "sempre estiveron comprometidas co país". "A cidade hoxe o único que está a facer é un acto de xustiza e de reparación", engadiu.


ACTUACIÓNS MUSICAIS E INTERVENCIÓNS


Outro dos políticos que interviñeron nesta homenaxe foi o dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen reflexionou sobre o franquismo na infancia de Bouza Álvarez e destacou a importancia de "pasar a testemuña" entre xeracións.


O acto estivo acompañado por actuacións musicais a cargo do fillo do homenaxeado, Fermín Bouza Pena e de Eladio dos Santos, Luís Emilio Batallán e Miro Casabella. Outras das persoas que interviñeron neste evento foron Amada Traba, Ana Cuña, Antón Patiño, Carmen Pena e Dores Tebrás.


De forma previa á súa interpretación, Bouza Pena afirmou que "ten unha débeda co seu pai", que é "facer algo en galego", e prometeu que o levará a cabo en honra a este.


"REPÚBLICA FERMINISTA"


Finalmente, a encargada de pechar este evento foi a viúva de Fermín Bouza Álvarez, Carmen Pena, cun discurso no que lembrou como foi o seu primeiro encontro co seu marido en Compostela e coa lectura dun comunicado dos amigos e alumnos do homenaxeado, aos que definiu como "os ferministas de Madrid". Para terminar, Pereiro proclamou a "república ferminista".

relacionada 'Somos ferministas', homenaxe nacional a Fermín Bouza Álvarez

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE