Investigan o "acoso laboral" a unha axente por parte dun mando da Garda Civil
O corpo achegou informes médicos que acreditan "os padecementos e lesións que sufriu como consecuencia dos sucesivos episodios vividos polo suposto maltrato e vexacións".
A asociación Independentes da Garda Civil (IGC) informou de que un Xulgado de Pontevedra instrúe dilixencias contra un mando da Garda Civil por suposto trato degradante a unha axente.
Nun comunicado, expón que a denuncia parte dunha axente da policía xudicial de Pontevedra encargada en toda a provincia do Equipo de Investigación de delitos específicos contra a Muller e os Menores, que acusa de "acoso laboral" a un superior.
Os feitos, segundo IGC, remóntanse a 2014 e prolongáronse ata setembro dese ano, data na que a garda civil causou baixa psicolóxica.
A garda civil, engade, achegou seis informes médicos e a acta do Tribunal Médico Militar de Galicia, que acreditan "os padecementos e lesións que sufriu como consecuencia dos sucesivos episodios vividos polo suposto maltrato e vexacións do sarxento xefe da área de delitos contra as Persoas da Unidade Orgánica da Policía Xudicial de Pontevedra".
O "acoso" constataríase en varias expresións degradantes dirixidas á axente ("Xa me falaron de ti", "esta tía é imbécil", "non fas nada, non serves para nada") e insinuacións de que conseguiría o seu posto laboral como "consecuencia dalgún favor sexual".
Segundo a asociación, tamén se denuncian expresións do capitán xefe da Policía Xudicial de Pontevedra, dirixidas á axente, cando lle pedía auxilio polas accións do sarxento, no sentido de "o sarxento é moi exquisito e se quere que o chames continuamente, pois chámao, ata cando vaias cagar".
Escribe o teu comentario