O concello de Lugo ponse firme cos condutores e veciños pouco "civilizados"
A policía local terá "dous ou catro axentes máis" para sancionar os donos de mascotas que non recollan os seus excrementos e os coches mal aparcados.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores, na sede da Policía Local, que o Concello emprenderá unha campaña para sensibilizar os donos de cans, calcúlase sobre 14.000 na cidade, sobre a recollida de excrementos e mesmo se baralla sancionar aos que os deixen soltos.
Esta campaña tamén inclúe reforzar os servizos da Policía Local para evitar estacionamentos en dobre fila, nas zonas de carga e descarga, aparcar no carril bus, estacionamento en beirarrúas e en prazas para persoas con mobilidade reducida.
A Policía Local, segundo explicou, reforzarase con "dous ou catro axentes" máis para controlar estes "malos hábitos" en canto á condución.
Con este plan, 'Aparca con xeito', que se estenderá ata maio, búscase, segundo afirmou Lara Méndez, "construír unha cidade máis amable e máis civilizada" e dentro da mesma campaña farase "un control de excrementos de animais na vía pública" do 10 de abril ao 23 de abril.
Lara Méndez concretou que a sancións por non recoller os excrementos é de 90 euros, cun desconto do 50 por cento en "pronto pago", e de 200 euros en canto ás infraccións de tráfico. Tamén fixo especial fincapé en que os cans "non se poden levar soltos".
Escribe o teu comentario