Isaac Cordal: "Gústame pensar na creación como unha forma de combate"

O escultor galego utiliza pequenas representacións humanas de cemento para criticar distintos aspectos da realidade social


|

Isaac Cordal naceu no ano 1974 en Pontevedra, onde estudou Belas Artes e se graduou en escultura. Nos seus traballos apréciase unha latente crítica á sociedade actual, á idea de progreso. Coas súas figuras representa temas como a miseria e monotonía que sofre o ser humano, o cambio climático, a desorientación existencial e o papel que xogan os políticos en todo isto.


'Eclipses de cemento', que é o nome que lle deu aos seus libros e a varios dos seus traballos como escultor, significa para el “unha crítica ao noso comportamento como masa social”. Expón a súa obra nas rúas de cidades como Bruxelas, Rijeka ou Bogotá, utilizando por exemplo unha parada de autobús ou o charco que se forma entre dúas baldosas.


Politicosdiscutiendoelcambioclimaticoisaaccordal

'Políticos discutindo sobre o quecemento global', Berlín


Cando e por que decides que queres dedicarte a isto?


Penso que é máis un percorrido, sen ser consciente diso a creación sempre estivo presente en moitas das actividades que realicei no pasado. Quizais é unha opción para soportar o mundo, un bálsamo para a existencia. Gústame pensar na creación como unha forma de combate.


Por que as túas esculturas están na rúa en lugar de nun museo?


A rúa ofréceche múltiples posibilidades. É un escenario perfecto que fala de nós mesmos, unha representación do que a sociedade pretende proxectar de si mesma. Un decorado aberto as 24 horas do día susceptible a ser retocado.


Por que decides que as túas figuras sexan pequenas e sigan ese patrón de “camuflarse nas rúas”, en lugar de grandes pezas que poidan chamar máis a atención?


Xa había demasiadas esculturas ecuestres asediando as cidades. Creo que non fai falta levantar máis mausoleos, nin aeroportos sen avións... Non creo que a Arte sexa unha forma masiva de chegar á xente, pero debería ter as súas opcións.


Isaaccordal2

'O soñador', Bruxelas


Que temas sociais consideras que non reciben a atención que se merecen? Por que cres que pasa isto?


Todo depende da perspectiva que teñamos. Os medios convencionais véndennos unha visión, e en nós está o poder de ver máis aló. Interpretar o mundo require velo desde o maior número de perspectivas posibles.


Que dirección cres que está tomando a arte na actualidade?


A relación de cada individuo coa Arte é algo demasiado persoal. Nese sentido para min na Arte o tempo está suspendido, gústame pensar que aquilo que había de enigmático nos pigmentos das cavernas aínda deixa a súa pegada na actualidade, malia as modas e o mercado da Arte. A dirección que toma a Arte actual seguramente réxese polas mesmas que a lexitiman e subordinan, o mercado.


Por que as túas esculturas están fóra de Galicia? Ten algo que ver a localización co significado?


As miñas esculturas decidiron emigrar para non romper coa nosa tradición de "mobilidade exterior". As localizacións das miñas esculturas son máis importantes que elas mesmas.


Utilizas unha visión pesimista da sociedade porque pensas que é cara a onde imos ou cres que xa é reflexo da realidade?


Con Donald Trump quizais xa podamos ver máis claramente en que lugar nos atopamos, chegamos a ese momento esperpéntico da sociedade do espectáculo. Alguén dixo iso de que son pesimista porque son un optimista con experiencia.


Como foi a túa experiencia deste ano traballando en Croacia?


En Rijeka pasei unha semana invitado polo MMSU para facer intervencións no espazo urbano. Sasha Bogojev foi o enlace co museo. Outros artistas que interviñeron durante o mesmo evento son Sebas Velasco e Pejac. As miñas esculturas agora forman parte da ornamentación das súas rúas, como unha especie de parasitos das súas farolas, cables, cornisas, etc ...


Isaaccordal3

'Street art', Rijeka, Croacia


Poderías resaltar algún paso importante que deras no 2016?


Non querería destacar un, pero síntome moi preto de Jodorowski cando di iso de que "son moito máis as miñas pegadas que os meus pasos".


Como resumirías o ano 2016, poderías facernos un balance do que supuxo para ti?


Unha batalla campal.


Quen foi para ti o personaxe máis importante deste ano?


Para min, o artista peruano Juan Javier Salazar.


relacionada 'Somos ferministas', homenaxe nacional a Fermín Bouza Álvarez
relacionada Manuel Rivas: "O moderno e novidoso é que os nenos leven un libro na man"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE