Manuel Rivas: "O moderno e novidoso é que os nenos leven un libro na man"
Considera que "a gran revolución pedagóxica sería situar á biblioteca no centro xeográfico da escola".
O escritor galego Manuel Rivas (A Coruña, 1957) defendeu este martes en Ourense que hoxe día "o moderno e o novidoso" é que os nenos "leven un libro na man" e non o dominio que poidan ter sobre as novas tecnoloxías.
Así o sinalou tras un encontro no Liceo da cidade con alumnos de quinto de Primaria para debater sobre o seu libro 'Bala perdida', unha actividade que forma parte do Programa de Animación á Lectura do Concello de Ourense.
Un total de 480 alumnos e 34 profesores de 20 colexios da cidade participan neste proxecto co que se pretende incentivar o hábito da lectura entre os máis pequenos. Así o explicou a concelleira de Educación do Concello de Ourense, Belén Iglesias, durante a presentación deste encontro.
Iglesias destacou que, ademais de ofrecer a oportunidade de charlar cun autor galego (neste caso Manuel Rivas), o Programa de Animación á Lectura tamén ofrece unidades didácticas para facilitar o achegamento dos máis novos á Literatura.
DEBATE
Ao longo de máis dunha hora o autor debateu cos alumnos de Primaria sobre o seu libro 'Bala perdida' e destacou o "interese" e "atención" co que estes mozos se achegan á lectura.
Tras o encontro Rivas defendeu o papel da literatura e da escola na formación das novas xeracións e reivindicou o papel do libro neste proceso.
"Nestes tempos nos que parece que hai unha obsesión por meter nas aulas as novas tecnoloxías. Para min a gran revolución pedagóxica sería situar á biblioteca no centro xeográfico da escola", reivindicou o autor coruñés.
O autor de 'O lapis do carpinteiro' ou 'A lingua das bolboretas' lamentou que na actualidade as escolas convertéronse "nun espazo onde todo pasa pola tecnoloxía" e no que "todos" os nenos teñen móbiles ou tabletas, "cando o importante sería que soubesen manexar ben un dicionario ou interpretar un libro".
"Hai nenos que xa non saben practicamente caligrafía, ou non saben facer contas se non é co computador. Para min iso é un atraso. O moderno e o novo é que leven un libro na man", reivindicou.
"ABERTO A APRENDER"
Tamén defendeu a escola como "ese tempo no que a xente o único que ten que facer é estar aberto a aprender" e lamentou que na actualidade "converteuse o espazo escolar nunha especie de gardería para ter tutelada á xente e marcar a súa conduta".
O escritor destacou o éxito deste tipo de encontros con mozos, aínda que cualificou como "un reto" conseguir a súa atención e "falar de literatura contando historias, para que vexan que non é algo marxinal senón que forma parte da vida".
Escribe o teu comentario