Cuarto día de operativo para reparar as liñas eléctricas danadas
Máis de 1.800 fogares continúan sen luz en distitnos puntos da comunidade por culpa da cadea de temporais da fin de semana.
Máis de 1.800 clientes permanecían á primeira hora deste luns sen subministración eléctrica polos danos no tendido ocasionados pola cadea de temporais que afectou esta fin de semana a Galicia. Segundo confirmaron a Europa Press fontes de Unión Fenosa Distribución, á primeira hora continuaban sen subministración 1.815 clientes das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
En concreto, na Coruña son 903 os clientes que aínda permanecían coa subministración cortada polas incidencias do temporal. Entre os municipios máis afectados están Vedra e Arzúa, aínda que se producen cortes puntuais noutras áreas.
Así mesmo, tampouco tiñan servizo 267 clientes de Pontevedra, especialmente na área de Agolada e Forcarei, nin 645 de Lugo, unha situación que é especialmente relevante en Castroverde e Monforte.
Operarios de Fenosa continúan este luns os labores de reparación das liñas para restablecer a subministración eléctrica, un operativo que comezou o venres tralo paso do primeiro temporal que afectou a Galicia.
Ademais, Unión Fenosa Distribución puxo a disposición dos usuarios o teléfono gratuíto de atención ao cliente 900 111 999, onde poden solicitar información ou presentar unha reclamación polo corte de subministración que sufriron. Os clientes tamén poden acudir a calquera oficina de atención ao cliente da compañía.
EXPEDIENTE INFORMATIVO
A Xunta está avaliando a situación polos cortes no subministro eléctrico dos últimos días, para o que abrirá un expediente informativo ás compañías distribuidoras co obxecto de confirmar que os protocolos de traballo seguidos foron os axeitados.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que seguindo o procedemento habitual "é necesario garantir que as actuacións que se realizaron este fin de semana por parte das compañías eléctricas foron as correctas". Conde quixo agradecer especialmente o esforzo dos equipos que traballaron durante estes días, "sen incidencias a pesar das duras condicións meteorolóxicas", para restituír o servizo en fogares e empresas galegas.
Escribe o teu comentario