Os letrados do Consello Consultivo rexeitan a reforma pouco "transparente" do organismo

Entenden que a lei de acompañamento dos orzamentos incorre na "ilegalidade" ao permitir que un letrado sexa substituído por "motivos de confianza".


|

Conselloconsultivopresi


A Asociación Profesional de Letrados do Consello Consultivo de Galicia criticou a chamada lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta para 2017, unha reforma que "non contribúe a reforzar a independencia" deste organismo, xa que suprime o corpo propio de letrados da institución e reserva a posibilidade de que estes poidan ser substituídos por "libre designación" atendendo a "motivos de confianza".


A través dun comunicado emitido este domingo, a asociación denunciou a supresión "por primeira vez en Galicia" dun corpo de funcionarios "sen achegar o menor razoamento que xustifique tan sorprendente decisión".


E é que entenden que o Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, máis coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta, reforma a regulación do persoal Consello Consultivo facendo que este organismo deixe de ter un corpo de letrados propio.


"Trátase, en efecto, dun corpo altamente cualificado e especializado, verdadeira columna do noso modelo de administración consultiva", denunciaron os letrados, que consideran que a medida "non parece que contribúa a reforzar a independencia do superior órgano consultivo das administracións públicas de Galicia".


LIBRE DESIGNACIÓN


Así mesmo, alertou de que a reforma, ademais de "privar" a este organismo de "o seu propio corpo de persoal letrado, independente e seleccionado" baixo criterios "obxectivos", tamén permitirá a "remoción dos postos" dos traballadores actuais e o seu substitución "por libre designación da persoa que ostenta a presidencia do Consello, incluso atendendo, entre outros motivos, a motivos de confianza".


Un punto do texto da lei que os letrados consideran de "pantente ilegalidade" xa que é "contraria ao disposto pola lei de emprego público de Galicia" e ao "artigo 23.2 da Constitución española" que determinan o "dereito a non ser removido do cargo se non é polas causas e de acordo cos procedementos legalmente establecidos".


"De aprobarse este proxecto nos seus actuais termos, veriámonos obrigados a opoñernos, impugnando os seus actos de aplicación con todos os medios que o Estado de Dereito pon ao noso alcance", manifestou esta asociación.


PIDEN EXPLICACIÓNS NO PARLAMENTO


Así as cousas, instou ao Goberno galego, ao que acusou de elaborar a lei sen consultar "previamente" ao propio Consello Consultivo, a que ofreza "unha explicación inmediata e transparente" no Parlamento sobre "as razóns e circunstancias" que promoveron esta "polémica reforma".


Por último, os letrados criticaron que a reforma se introduce "mediante unha 'lei ónmibus'" coa intención por parte da Xunta de "furtar do control parlamentario o debate" sobre estes "cuestionables" contidos, o que supón a "ruptura do consenso alcanzado na lexislatura pasada para a reforma do Consello Consultivo de Galicia como unha peza crave na loita contra a corrupción".


O PRESIDENTE, INVESTIGADO


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou á presunción de inocencia do presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado (con Feijóo na foto), quen está sendo investigado por un suposto delito de tráfico de influencias no marco da operación "Cóndor".


Nunha entrevista concedida este domingo a Cadena Ser recollida por Europa Press, Rueda indicou que Pillado é "un maxistrado de prestixio" que "está a facer un gran labor" e que o feito de que estea a ser investigado "non supón en ningún caso que sexa culpable".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE