Xaneiro conclúe con 7 mortos en 7 accidentes de tráfico en Galicia
Tres dos falecidos eran maiores de 65 anos e tres dos sinistros debéronse a atropelos.
Galicia pechou o mes de xaneiro con sete persoas falecidas en sete accidentes de tráfico na rede viaria galega, o que supón catro vítimas máis que no mesmo mes de 2016.
Segundo os datos facilitados este mércores pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), recollidos por Europa Press, os accidentes incrementáronse de tres en xaneiro de 2016 a sete o mes pasado, o que supón un aumento do 133,3 por cento, do mesmo xeito que o número de vítimas mortais.
Por provincias, na da Coruña rexistráronse dous falecidos en dous sinistros fronte a un morto nun accidente en xaneiro de 2016, o que supón o dobre; mentres que na de Pontevedra contabilizáronse dous falecidos mentres que o ano pasado non houbo ningún nese mes.
Pola súa banda, na provincia de Lugo mantivéronse as mesmas cifras, ao concluír xaneiro con dous falecidos en dous accidentes; e en Ourense contabilizouse unha vítima nun sinistro, mentres que no mesmo período de 2016 non houbo mortos.
TIPOS E IDADES
Os datos de Tráfico do primeiro mes de 2017 reflicten que dos sete accidentes, tres debéronse a atropelos; dous foron saídas de vía e houbo unha colisión.
En canto ás idades das vítimas mortais, tres eran maiores de 65 anos e dous tiñan entre os 36 e 45 anos, mentres que un falecido situábase entre os 46 e 55 e outro entre os 56 e os 65.
Escribe o teu comentario