Rajoy valora o cambio "descomunal" de Galicia nos 35 anos de autogoberno

No 82 foi nomeado director xeral e destaca que aquela Xunta non tiña "nada" e "agora xestiona a práctica totalidade das políticas sociais".


|

Marianorajoythumbsup


O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, fixo balance dos 35 anos que cumpre o autogoberno de Galicia para destacar o "descomunal" cambio que se produciu na Comunidade durante este tempo.


Nunha entrevista coa TVG con motivo do 35 aniversario do Parlamento galego, Rajoy enxalzou a "gran" figura do expresidente da Xunta Gerardo Fernández Albor, que "pilotou os primeiros pasos de verdade da autonomía galega", "con todas as novas competencias", e "fixo as cousas moi ben".


Así, considera que Albor, que agora ten 99 anos, é "un dos políticos importantes que houbo en Galicia e en España", e valorou "o empeño" e "a tenacidade" que poñía para que "en Galicia houbese unha autonomía de verdade".


Mariano Rajoy foi elixido deputado no Parlamento de Galicia nas eleccións de 1981. Tras iso, foi designado director xeral de Relacións Institucionais da Xunta en 1982 e, en 1986, vicepresidente do Goberno galego.


Respecto diso, lembra que en 1982 "aínda había algunhas zonas" en Galicia "onde non había luz eléctrica", e "había moitísimas aldeas" onde "non había teléfono", ao que se unen cambios "abismais" en estradas e ferrocarril neste período. "O cambio que se produciu no nivel de vida dos galegos foi verdadeiramente incrible", sostén, "sobre todo nos pequenos municipios".


UNHA ETAPA "MOI BONITA"


Así, fixo un repaso por aquela época na que o Parlamento estaba no Pazo de Xelmírez, no canto da súa actual localización na Rúa do Hórreo de Santiago, nunha sede que lles "prestou" o Arcebispado, e onde saíu elixido como presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor (entón en Alianza Popular). Naquel momento, conta Rajoy que como director xeral non tiña despacho, ata que lle "conseguiron" un na Rúa do Vilar.


Deses momentos, asegura que traballaron "moito", "con moita ilusión, moitas ganas", e "moi pouquiños medios", "nun momento moi bonito", aínda que nesa primeira etapa as competencias da Xunta eran "mínimas", ata que conseguiu a primeira relevante, que foi educación.


"O que cambiaron estes 35 anos, porque hoxe en día a Xunta, de non ter nada, agora xestiona a práctica totalidade das políticas sociais", reflexiona.


PROGRAMA ESPECIAL


Esta é a primeira entrevista que Rajoy concede á televisión pública galega desde que accedeu á Presidencia do Goberno español no ano 2011.


Esta entrevista inclúese no programa 'Contraportada', que contou tamén cunha reportaxe con entrevistas a deputados galegos que desempeñaron cargos públicos ao longo das distintas lexislaturas, como Xosé Luís Barreiro, José Manuel Romay Beccaría, Juan Corral, María Jesús Sanz, Alfredo Conde, Tomás Pérez Vidal ou Francisco Vázquez.

relacionada O Parlamento conmemora os 35 anos do autogoberno de Galicia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE