Galicia foi en 2015 a terceira comunidade con máis emisións de gases de efecto invernadoiro
Un estudo do Observatorio da Sustentabilidade sitúa á Comunidade galega só por detrás de Andalucía e Asturias.
Galicia ocupou no ano 2015 a terceira posición a nivel nacional no ránking de emisións de gases de efecto invernadoiro desde fontes fixas, ao producir 15,3 millóns de toneladas equivalentes de CO2, un 11,2% do total nacional ese ano, segundo un informe do Observatorio da Sustentabilidade.
O dito estudo, que sitúa á Comunidade galega só por detrás de Andalucía e Asturias, explica que en Galicia hai 52 instalacións de xeración e de industria pesada que emiten estes gases, o que contrasta coa imaxe eminentemente rural deste territorio que alberga o 6% da poboación e apenas o 5% do PIB.
Entre todas as instalacións, o Observatorio da Sustentabilidade destaca dúas que acumulan máis de 10 millóns de toneladas, que son as centrais térmicas de As Pontes e Ordes, propiedade respectivamente de Endesa e Gas Natural Fenosa. Por detrás destas só destacan 1,1 millóns de toneladas correspondentes á refinería de Repsol na Coruña.
O estudo sinala que "é habitual" que nos territorios costeiros, as refinerías sexan as actividades coas máximas emisións, pero apunta que no caso de Galicia o peso das térmicas de carbón é enorme.
Ademais, o Observatorio da Sustentabilidade tamén indica que as emisións de gases de efecto invernadoiro aumentaron en Galicia un 25% entre 1990 e 2007, unha subida superior á permitida no Protocolo de Kioto, e inferior ao crecemento medio de España.
Escribe o teu comentario