Educación premia a sete centros polos seus proxectos de formación dos docentes
Román Rodríguez, destacou na entrega destes galardóns que a formación do profesorado é "un dos puntos cardinales do ensino" e que xoga "un papel central" na calidade do sistema.
A Consellería de Cultura galardoou a sete centros escolares galegos polos seus proxectos de formación do profesorado, que foron deseñados e implantados polos propios docentes o pasado curso.
En concreto, trátase do CRA Ponte da Pedra (Carballo), do IES da Pobra do Caramiñal, do CPI As Mirandas (Ares), do IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), do CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), e dos CEIP Xosé Fernández López e IES Piñeiro Manso (ambos do Porriño).
O conselleiro, Román Rodríguez, destacou na entrega destes galardóns que a formación do profesorado é "un dos puntos cardinales do ensino" e que xoga "un papel central" na calidade e equidade do sistema.
No caso de Galicia, a formación dos docentes "é unha das fortalezas" do sistema educativo, polo que Rodríguez destacou a aposta do Goberno galego por "manter e impulsar o papel da aprendizaxe nos anos máis duros da crise".
O conselleiro indicou que tanto os datos reflectidos no último informe PISA, que sitúan a Galicia nun "lugar destacado no conxunto dos sistemas educativos", como a redución en máis de 10 puntos da taxa de abandono educativo temperán --ata o 15,2%--, "non son froito da casualidade", senón do "traballo dos profesores, dos equipos directivos e das familias".
Escribe o teu comentario