Piden que as familias monoparentais con dous fillos sexan consideradas 'numerosas'

|

Demografiacarritobebe


O Parlamento de Galicia instou á Xunta a elaborar e aprobar un programa de axudas específico para as familias monoparentais que reforce as políticas sociais dirixidas ao benestar das familias e, sobre todo, "dos nenos".


A Cámara deu luz verde a esta iniciativa do PPdeG defendida pola deputada Marta Rodríguez Arias e que incluíu, finalmente, varios puntos das emendas presentadas polo BNG e o PSdeG, como o relativo a que todas as familias monoparentais con dous fillos a cargo poidan ter a consideración de familia numerosa.


Na defensa da proposición, a parlamentaria popular destacou que, nestes momentos, o Goberno galego traballa tamén na creación dun rexistro de familias monoparentais que permita ao Executivo autonómico dispoñer dos datos necesarios para a posta en marcha dun "sistema de beneficios específicos" para este tipo de unidades familiares.


Pola súa banda, todos os grupos da oposición coincidiron, ademais, na necesidade de incluír cambios na denominación deste tipo de familias, para que sexan coñecidas como "familias monomarentais" dado que, segundo os datos achegados, "a gran maioría dos fogares cunha soa persoa a cargo son sustentados por mulleres", tal e como sinalaron tanto Montse Prado (BNG), como Noela Branco (PSdeG) e Paula Vázquez Verao (En Marea).


PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS


Na sesión plenaria tamén foi aprobada outra iniciativa do PSdeG, transaccionada polo PPdeG, a través da que o Parlamento insta á Xunta a ampliar a todas as etapas educativas de infantil, primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharel a liña emprendida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en FP poñendo en funcionamento, "o máis axiña posible", un conxunto de instrumentos e ferramentas informáticas que permitan a elaboración das programacións didácticas acordes co modelo curricular vixente.


E é que, segundo explicou o parlamentario socialista Luís Álvarez, a elaboración destas programacións didácticas é "un asunto que ten incidencia sobre centos de miles de galegos", xa que, ademais dos docentes, as familias e os alumnos "teñen dereito á información sobre o que van ser instruídos".


Neste sentido, destacou que a iniciativa busca poñer en marcha "unha sistema de axuda" á elaboración destas programacións por parte dos docentes, para que dispoñan dunha ferramenta informática que lles facilite modelos consensuados por especialistas ou a inspección educativa. Todo iso, sen influír na "autonomía curricular de cada un".


Esta iniciativa, que contou coa abstención dos grupos de En Marea e do BNG, foi trasaccioanda polo PPdeG, cuxo deputado César Fernández Gil celebrou que esta proposición estea "presidida polo espírito de acordo" que ten que primar en materia educativa.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress