UUAA denuncia que explotacións cárnicas afrontan falta de pagos de ata tres millóns
Os gandeiros teñen débedas de unha salga de despezamento da provincia de Lugo que se atopa en concurso de acredores.
O sindicato Unións Agrarias denunciou que as explotacións cárnicas galegas afrontan falta de pagamentos que poden alcanzar "ata os tres millóns de euros".
En concreto, segundo informou Unións a través dun comunicado, o sindicato está a tramitar "varias demandas para tratar de recuperar as cantidades que se lle deben aos gandeiros por parte dunha sala de despezamento da provincia de Lugo que xa se atopa en concurso de acredores".
Por tanto, Unións Agrarias solicitou manter unha reunión coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, para "abordar a situación".
Así, lembrou que o sector se enfronta a un momento "realmente perigoso" ante a "sobre oferta de carne de vacún" derivada de que "moitas explotacións de leite" decidiron pasarse á carne debido aos problemas de viabilidade do sector lácteo.
A isto hai que sumarlle que, como apunta a organización sindical, "o prezo do quilo de carne en orixe non chega aos 5 euros co que dificilmente se poden cubrir custos".
"O sector do gando de carne en Galicia é vital para manter activos economicamente moitos pobos que pola súa localización en zonas de montaña ou en comarcas desfavorecidas non dispoñen doutra alternativa económica", asegurou Unións, que lembra que estas explotacións tamén actúan como "barreira para manter a biodiversidade e evitar o abandono e a proliferación de incendios".
Escribe o teu comentario