A USC vende o edificio do antigo hospital de Galeras

O complexo, en desuso desde 2003, poderá albergar comercios e oficinas, condición que pedía a única empresa interesada.


|

Hospitalxeralsantiago


Asteriscos Real Está SL e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron este venres 20 o contrato de compra-venda do antigo Hospital de Galeras. A empresa compradora formalizou tamén o primeiro pago da compra do inmoble de 3.597.805 euros, o 50% do importe total.


Nun proceso de poxa pública, esta sociedade presentou unha oferta por valor de 7.195.610 euros. Dentro de dous anos, o 20 de xaneiro de 2019, a USC recibirá o 50% restante máis un incremento equivalente ao interese legal do diñeiro, oficialmente publicado nos Orzamentos Xerais do Estado, aplicado á cantidade aprazada.


No contrato asinado hoxe acórdase tamén que no caso de non realizarse o pago do segundo prazo na data indicada, a USC recuperaría a titularidade do inmoble retendo, en condición de penalización, un 5% da cantidade desembolsada no primeiro.


COMERCIOS E OFICINAS


O pleno municipal do Concello de Santiago aprobou este xoves a modificación puntual do PXOM que afecta o Hospital de Galeras, polo que os usos do complexo amplíanse e poderá destinarse menos do 50 por cento da súa superficie ao uso comercial.


A iniciativa contou co apoio de todos os grupos políticos presentes no Pazo de Raxoi a excepción do BNG, que votou en contra ao entender que os usos dun "edificio singular" da capital galega deberían ser "fundamentalmente de servizo público".


Deste xeito, o complexo de Galeras -en desuso desde o ano 2003-- poderá destinar parte das instalacións á creación de comercios, prazas hostaleiras e oficinas. Era a petición da única empresa interesada na compra.


Con todo, as actividades comerciais neste edificio próximo ao centro histórico compostelán quedarán limitadas ao 50 por cento da súa superficie, polo que só na planta baixa do edificio poderán ser instalados comercios. Ademais, a ampliación na ordenanza tamén inclúe a posibilidade da construción dun aparcadoiro.


POSICIÓNS DOS GRUPOS


Así, Compostela Aberta cualificou como "boa noticia" a ampliación dos usos do hospital de Galeras para a súa venda, xa que, en opinión do concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, servirá para "avanzar na rehabilitación" dun edificio "singular" da capital galega.


Pola súa banda, o portavoz popular, Agustín Hernández, indicou que "baixo ningún concepto" aceptará o seu grupo que o edificio se converta "en un centro comercial" e que a modificación da ordenanza do PXOM realízase para "facilitar o proceso" de venda á Universidade.


Para os socialistas, da man do seu portavoz, Paco Reyes, a ampliación de usos non elimina a posibilidade de crear un centro de día para o centro histórico, xa que "queda capacidade" para realizar mesmo no propio inmoble.


Precisamente, a falta de servizos públicos destinados á terceira idade no centro histórico da cidade foi unha das razóns polas que o grupo do BNG opúxose á iniciativa. E é que, para Rubén Cela, a do antigo complexo hospitalario é a "localización idónea" para a creación de "unha residencia da terceira idade de titularidade pública", "un centro de día" ou un lugar de atención a enfermos crónicos, todas elas, "necesidades" do centro compostelán.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE