En Marea e PSOE reclaman que o persoal sanitario recupere os dereitos perdidos
Piden que se retomen os acordos para regular con unha retribución xusta as gardas e os domingos e días festivos.
//@En_Marea
A deputada de En Marea Eva Solla e o portavoz de Sanidade do grupo socialista, Xulio Torrado, mantiveron este xoves unha reunión cos sindicatos CIG, UXT, CSIF, CCOO e Satse, ante quen se comprometeron a levar ao Parlamento a esixencia de que a Xunta convoque "canto antes" a Mesa Sectorial para tratar a recuperación dos dereitos laborais que o persoal sanitario "leva perdidos desde 2009".
Tras a reunión, a responsable de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, indicou que, tras a chegada do PP á Xunta "paralizáronse todos os acordos de mellora que se aprobaron no período anterior", que buscaban "regular cunha retribución xusta o traballo de gardas e os domingos e días festivos".
"Sete anos despois seguimos con aqueles acordos conxelados", apuntou Abuín, que reclamou que se convoque a Mesa Sectorial para "negociar coas organizacións sindicais un calendario para recuperar os acordos salariais de condicións e mellora retributiva".
Para Eva Solla é "incomprensible" que o mesmo Goberno que "presume dos profesionais sanitarios en todos os debates", eliminase " 1.800 prazas na Sanidade e reducira os salarios" á vez que "se nega sistematicamente a incrementar os persoais sometendo ao persoal a unha elevada carga de traballo".
En Marea apoiará a reclamación feita polos profesionais sanitarios a través dos sindicatos presentando unha batería de iniciativas no Parlamento, tanto no pleno como en comisión.
COMPROMISO TAMÉN DO PSOE
Pola súa banda, os socialistas lembraron que "os acordos de condicións laborais paralizados supuxeron unha diminución da calidade asistencial" e reclamaron que se recuperen.
"Se o argumento para suspender os acordos foi a crise económica, agora que esta, de acordo co goberno, está a terminar, é o momento de recuperar o diálogo cos traballadores", apuntou Xulio Torrado.
Escribe o teu comentario