300 toneladas de sal para facer fronte ao azoute de frío siberiano en Lugo

Este mércores descenden as temperaturas, con mínimas que oscilarán entre os 2 graos baixo cero de Lugo e os 3 da Coruña.


|

Tempofrio


O deputado de Xestión Territorial da Deputación de Lugo e alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, anunciou este martes que a institución provincial dispón de 300 toneladas de sal para facer fronte á onda de frío siberiano que se anuncia desde esta tarde e para os próximos días.


Fernández concretou que "o servizo de vías e obras ten preparado un operativo que empezará a funcionar a partir das cinco da tarde deste martes" en oito zonas repartidas na provincia, nas que se van distribuír unhas trescentas toneladas de sal en estradas provinciais para garantir a circulación.


Ademais, Argelio Fernández avanzou que por cada unha das oito zonas "vai haber tres maquinas, 48 operarios e o servizo de vías e obras vai estar operativo as 24 horas ata que estas inclemencias se deixen de ter que sufrir por parte da xente".


Argelio Fernández constatou que "non é previsible que neve", polo que "simplemente vai haber xeadas". "Desexamos que a xente tome as precaucións adecuadas para circular con normalidade, porque cando hai inclemencias, loxicamente calquera cousa pode suceder, pero está o operativo montado coa deputación en alerta as 24 horas para atender calquera emerxencia que poida suceder durante este tempo que dure esta previsión de frío siberiano que nos vai a azoutar", concluíu.


DESCENSO DAS TEMPERATURAS


Galicia continuará este mércores baixo a influencia das altas presións, con ventos do nordés que achegarán á Comunidade unha masa de aire fría e seca. Con esta situación, espéranse ceos pouco nubrados ou despexados en xeral, con nubes de estancamento no extremo norte.


Así mesmo, no norte da provincia de Lugo podería rexistrarse algún chuvasco illado e ocasional nas zonas altas, que será de neve en cotas ao redor do 500 metros.


Segundo a información de Meteogalicia, os ventos serán moderados do nordeste, con intervalos fortes no litoral e zonas altas.


O punto máis relevante da xornada poñerano as temperaturas, que sufrirán un descenso entre moderado e notable, con xeadas xeneralizadas en zonas de interior e sensación térmica de frío.


Así, por cidades, as mínimas oscilarán entre os 2 graos baixo cero de Lugo e os 3 da Coruña, mentres que as máximas estarán entre os 10 graos de Ferrol e os 6 de Lugo.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE