Decenas de nenos participan na primeira edición do ciclo de cinema 'Pequefilms'
Celebrouse na Cidade da Cultura e, ademais das proxeccións, houbo talleres sobre o mundo da animación para os pequenos.
A primeira edición do ciclo de cinema 'Pequefilms' congregou ao longo deste fin de semana na Cidade da Cultura a decenas de nenos e nenas que puideron gozar de 52 películas e curtos cinematográficos.
Ademais das proxeccións, entre as que se incluíron catro de orixe galega, os asistentes puideron participar en talleres sobre o mundo da animación.
O festival estivo estruturado en dúas franxas de idade: de 5 a 8 anos e de 9 a 12 anos. Unha vez finalizada a proxección de cada peza, os nenos puideron valorar e puntuar cada unha delas.
Entre as cintas seleccionadas para o certame están curtos recoñecidos en festivais internacionais, como a norueguesa 'Me and my Moulton', nomeada ao Óscar en 2015, ou 'Juan e a nube', gañadora do Goya ao Mellor Curto Animado.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, asistiu ao Gaiás este domingo para coñecer o desenvolvemento de 'Pequefilms'. Alí, Rodríguez enxalzou a "importancia" que teñen citas deste tipo, xa que serven para "inculcar aos máis pequenos a cultura audiovisual".
Escribe o teu comentario