Carmela Silva chama "indecentes" ao PP tras o pleno convocado por orde xudicial polo enchufismo do 'Caso Cuñada'

Os populares ven o "silencio abrupto" da presidenta como "unha clara condena de culpabilidade" e denuncian o corte do 'streaming'

|


A presidenta da Deputación de Pontevedra tivo que comparecer para dar explicacións sobre a condena a un ex alto funcionario do Concello de Vigo por "enchufar" á cuñada de Silva. Faio tras un fallo xudicial que lle ordenaba facelo.


Desde a bancada popular ven o "silencio abrupto" da presidenta como "unha clara condena de culpabilidade" e denuncian o corte do 'streaming'.


Arquivo - A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensaCarmela Silva | Foto: EP

A Deputación de Pontevedra acolleu este venres un pleno extraordinario solicitado polo PP para abordar o coñecido como 'caso cuñada', polo que foi condenado un ex alto funcionario do Concello de Vigo por 'enchufar' á cuñada da presidenta provincial, a Carmela Silva.

Ao finalizar a sesión, que tivo que ser convocada por orde dun xulgado do Contencioso-Administrativo, Silva respondeu aos xornalistas que "todo o que tiña que dicir" xa o djo "reiteradamente". A continuación, chamou "indecentes" aos populares: "Dáme vergoña esta xente".


PIDEN A DIMISIÓN DE SILVA

Por parte do PP, que volveu reclamar este venres a dimisión da presidenta, o seu portavoz provincial, Jorge Cubela, lamentou o "silencio abrupto" obtido no pleno por parte da mandataria socialista.

"É unha clara condena de culpabilidade. Carmela Silva non pode seguir á fronte do Goberno provincial, debe dimitir", recalcou Cubela, que considera que a presidenta "non está acreditada" para seguir á fronte da institución.

O portavoz dos populares mostrouse "triste e decepcionado coa baixa calidade democrática que hai na Deputación", despois de que nin PSOE nin BNG --os partidos que forman parte do goberno provincial-- tomasen a palabra no pleno extraordinario.

Ademais, o PP fala de "censura" despois de que se cortase a retransmisión en 'streaming' xusto no momento que ía dar inicio o pleno extraordinario.


O BNG LEMBRA A CONDENA DE LOUZÁN

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e portavoz do BNG, César Mosquera, censurou a "indecencia soberana" do PP por levar este asunto xudicial ao pleno "habendo recentemente unha sentenza que condena" ao expresidente provincial Rafael Louzán por prevaricación na concesión das obras dun campo de fútbol en Moraña.

O grupo do BNG lembrou que "ten por norma, uso e costume utilizar o pleno da Deputación para as cuestións para as que está concibido", que son "o debate sobre asuntos políticos que afectan á institución e as decisións de xestión".

Tamén destacou que o Bloque nunca levou a pleno asuntos xudiciais, mesmo cando afectaban directamente a cargos en activo da Deputación, como sucedeu no mandato 2011-2015 cando o presidente e outros deputados do goberno do PP dirixido por Rafael Louzán estiveron imputados ou investigados.

En consonancia con esta traxectoria, "rexeitamos o uso pernicioso do pleno provincial para asuntos xudiciais que nada teñen a ver coa actividade da Deputación, como é o caso que torticeramente trae o PP", manifestou Mosquera, quen seguidamente apuntou que "por desgraza para o PP vale todo".

Por tanto, a renuncia dos nacionalistas para intervir na sesión foi unha "mostra de rexeitamento por este uso indebido e amoral do pleno" e engadiron que "por máis que exista unha discutible sentenza favorable, segue sendo un uso indebido e amoral".


INDULTO

Á saída do pleno, Cubela sinalou que os populares se van "totalmente tristes e decepcionados" porque a presidenta da Deputación "volveu rir e burlar da cidadanía e das institucións".

Segundo o portavoz provincial do PP, "os dous condenados que gardaron silencio durante todo o proceso agora teñen a súa recompensa", e mostrouse convencido de que se aprobará o indulto do ex alto funcionario condenado.

"Damos por feito que o indulto se vai a aprobar para indultar tamén a Carmela Silva e ao PSOE desta provincia. E a maior trama de corrupción e nepotismo político da historia recente de Galicia quedará impune", engadiu.

Por último, o PP tamén criticou a actitude "incomprensible" do BNG, socio de goberno dos socialistas "que segue sen pronunciarse respecto diso" e lamentou que "as cadeiras de brazos pesen máis que a depuración de responsabilidades políticas".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE