​Un pequeno paso máis para a lingua e un gran triunfo para A Mesa: Netflix amplía a súa oferta de títulos en galego

A iniciativa Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística logrou dar un paso decisivo tras o acordo entre a Xunta e Netflix para a dobraxe e subtitulado de películas.


|

A iniciativa Xabarín impulsada desde A Mesa pola Normalización Lingüística logrou unha conquista decisiva tras o acordo entre a Xunta e Netflix para a dobraxe e lexendado de películas e series.


O compromiso alcanzado entre a administración pública e unha das maiores plataformas de contidos audiovisuais do mundo supón un reforzo fundamental para a lingua.


FN4dqjqX0AIe14ou

Foto: A Mesa


Podería dicirse que o convenio asinado pola Xunta e Netflix para a dobraxe e subtitulado de películas e series é un pequeno paso para o audiovisual, pero en realidade trátase dun gran salto para Galicia e a súa lingua. Case todo o mérito desta alianza recae sobre A Mesa pola Normalización Lingüística, entidade que leva meses reunindo firmas, realizando campañas e turrando de uns e outros para que isto cristalice.



Coa iniciativa Xabarín logrou a unanimidade da sociedade e do parlamento galego, pero este é un episodio crucial, ao lograr que unha empresa do tamaño de Netflix comprenda a importancia de ofertar máis contido nas linguas cooficiais, xa que tamén amplía o catálogo de contidos en catalán e eúscaro.


Segundo Netflix, os seus subscritores en 190 países poderán acceder a series e películas como 'Emily en París' ou próximas estreas, como 'The Mother', 'Garra', 'Sandman' e 'Pinocho', de Guillermo del Toro, todas elas coa opción en galego.


"Seguimos esforzándonos por levar as mellores historias a todo o mundo. Este é un paso máis que estamos a dar para fomentar a presenza do catalán, o galego e o eúscaro no noso servizo. Aumentaremos o número de series e películas internacionais lexendadas a estas linguas, ademais da dobraxe de varios títulos infantís e familiares, para que os nosos subscritores poidan gozalos en 190 países. Esta selección estará dispoñible ao longo de 2022 e seguirá crecendo durante os próximos anos", din desde a multinacional.


"A LINGUA É O MELLOR AXENTE NORMALIZADOR"

O acordo supón engadir máis de 60 películas ao ano "con especial presenza de contidos infantís, un dos puntos recolleitos pola Iniciativa Xabarín impulsada pola entidade de defensa da lingua". Marcos Maceira, presidente da Mesa, celebrou esta mañá este triunfo, que chega despois de que o Parlamento de Galicia, "o único do Estado en facerse eco da ampla demanda cidadá ante a exclusión do galego dos produtos audiovisuais", apoiase a proposta.



O conxunto da sociedade está de parabéns por ser o motor dun acordo útil para o galego e útil para todas as linguas do Estado, o que demostra que a unidade pola lingua é o mellor axente nornalizador", explicou. Con todo, lembrou que aínda faltan conquistas, como que a Lei do audiovisual "garanta a igualdade para o galego".


"O obxectivo da Iniciativa Xabarín era que o audiovisual deixase de ser un ermo para o galego", indicou Maceira, á vez que agregou que "cónstanos que está a traballar a TVG, que dispoñerá a súa plataforma audiovisual con canle Xabarín este ano". Agora, a seguinte meta pasa por conseguir que outros xigantes, como Disney + ou HBO, atendan a estas mesmas demandas. Talvez, máis pronto que tarde, escoitemos a Homer Simpson ou Daenerys Targaryen falando a lingua de Castelao e Rosalía. 



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE