O Celta, falto de gol, perde a Santi Mina por lesión, o seu mellor artilleiro
O club celeste, tan necesitado de acerto entre os tres pau, queda sen o seu goleador esta tempada.
O club celeste, tan necesitado de acerto entre os tres pau, queda sen o seu goleador esta tempada.
Santi Mina | Foto: EP
Como a can fraco todo son pulgas, ao Celta de Vigo cáeselle a súa mellor baza para gol. Santi Mina, que vivía talvez o momento máis doce da súa carreira no referido á anotación, abandonou onte o terreo de xogo aos 23 minutos por lesión. O do Raio Vallecano pode significar o último partido de Mina nun tempo, xa que aínda non se coñece o alcance dunha lesión que promete ser delicada.
"Santi Mina sofre unha lesión no bíceps femoral da súa perna esquerda. Nas próximas horas realizaráselle unha ecografía para coñecer o alcance", limítase a recoñecer o parte médico celeste. O ariete vigués será baixa segura ante o Barça, como tamén o será Brais Méndez.
Se algo lle faltou ao Celta esta campaña é acerto. Só Arabés, Elxe e o pechacancelas Xetafe viron menos porta que o cadro olívico. Con só dez tantos, o Celta quedouse a cero en seis das doce xornadas disputadas. De feito, sempre que encaixou acabou perdendo os tres puntos: tres vitorias e todas coa súa portería a cero; dous empates e os dous por 0-0.
Así, sen Mina, o Celta salta ao verde sen o home que achegou o 40% dos seus goles nun ano no que Iago Aspas non ten o acerto doutros ciclos, aínda que o segue con tres festexos no seu haber. Cervi, Denis Suárez e Brais son os outros que cantaron bingo desde que arrincou a liga en agosto. Chegou o momento de que Galhardo, Nolito ou Solari empecen a tirar da 'Chachoneta'.
Escribe o teu comentario