1.600 quilómetros en bicecleta ata Bruxelas en defensa da supervivencia da planta de Vestas en Viveiro
A Alejandro Paleo aínda quedan uns 1.000 quilómetros máis ata chegar á central do grupo en Dinamarca.
Unha delegación dos traballadores de Vestas en Viveiro (Lugo), entre eles o exciclista profesional Alejandro Paleo, que viaxa ata Dinamarca para entregar unha carta á empresa e pedir a continuidade da fábrica, chegou este luns a Bruxelas e alí reuniuse con representantes de PP, BNG e PSdeG.
En concreto, na cidade sede das institucións comunitarias han mantido un encontro cos eurodeputados Francisco Millán Mon (PP) e Nicolas González Casares (PSdeG), así como coa portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda.
A nacionalista, segundo informa nun comunicado, chamou a "frear a desindustrialización" de Galicia, un proceso que é "especialmente preocupante na comarca da Mariña". "Sen industria non temos futuro", destacou Miranda, quen defende a aplicación dun plan de emprego e industrialización para a comarca lucense.
Neste contexto, o BNG defende a paralización do ERE que presentou Vestas para a planta de Chavín, con 115 postos de traballo anunciados, xa que considera que non hai "ningunha razón obxectiva" que o xustifique: "É paradógico que queiran pechar unha fábrica de aeroxeradores cando doutra banda asistimos ao fomento de instalación de parques eólicos que expolian os nosos recursos".
De feito, Miranda urxiu a derrogación da reforma laboral, xa que o ERE, segundo denunciou, "non podería ser levado adiante" no caso de que este non estivese en vigor. "A realidade é que PP e PSOE non están a facer nada para salvar os postos de traballo en Galicia", engadiu a portavoz do Bloque en Europa.
Alejandro Paleo partiu o pasado domingo 3 de outubro desde a planta de Chavín ata a cidade danesa Aarhus, onde se atopa a sede de Vestas, para entregar aos directivos unha carta na que o comité de empresa solicita que non se peche a factoría.
Escribe o teu comentario