Ciberseguridade, novo grao da Universidade de Vigo, nace con boas perspectivas de empregabilidade
O documento Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG apunta ao campo da ciberseguridade na contorna industrial como un dos nichos laborais do futuro que precisan dunha formación específica que ata o de agora non existe na comunidade autónoma.
O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; a directora da Escola Aberta de Formación Permanente, María José Moure; o coordinador do curso, Ignacio Armesto; e a docente da EET que participa no mesmo; Ana Fernández
A Universidade de Vigo (UVigo) poñerá en marcha o título propio de Especialista en Ciberseguridade Industrial, que será único na comunidade, en xaneiro de 2022 e impartirao ata setembro dese mesmo ano.
O coordinador desta titulación e docente do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática, José Ignacio Armesto, sinalou que se busca abrir este curso a "participantes de toda España e mesmo Latinoamérica" e que se ofrecerán 30 prazas, segundo trasladou a universidade. A docencia será impartida integramente de modo virtual a través do Campus Remoto por profesorado das escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñería de Telecomunicación da UVigo.
ENFOQUE PRÁCTICO
Ademais, Armesto sinalou que a nivel nacional hai titulacións en ciberseguridade industrial dispoñibles, pero "non teñen un enfoque tan práctico e técnico" como o do título propio da UVigo. Así, destacou que contará con apoio e participación docente de multinacionais do sector como Siemens, Fortinet, Microsoft e Nozomi Networks.
Precisamente, a formación en ciberseguridade representa unha das demandas que recolle o informe 'Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o Sistema Universitario de Galicia (SUG)'. Deste xeito, buscarse dar resposta aos riscos derivados da dixitalización empresarial, que require de profesionais que garantan a protección das compañías e os procesos produtivos.
Para iso, o curso abordará as medidas de protección precisas para evitar ciberataques, perdas na propiedade industrial ou paralizacións da produción, entre outros aspectos da ciberseguridade industrial.
Escribe o teu comentario