Jácome comprará teléfonos de máis de 800€ e reloxos de 370€ necesarios para "testear formatos"

|

Foi o persoal de confianza de Jácome, os nomeados discrecionalmente, quen pediu os orzamentos. Con todo, o alcalde asegura que non son para eles, senón para os enxeñeiros do Centro de Intelixencia Artificial 


Jácome dá entender que completará a adquisición porque son aparellos, 21 en concreto, necesarios para comprobar que a web do municipio e as súas aplicacións funcionan ben


Galaxy Watch 4 nunha foto promocional de Samsung

Galaxy Watch 4 de Samsung nunha foto promocional, capaz de medir a presión arterial




O PSOE de Ourense acusou o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, de pretender adquirir reloxos de luxo para os seus asesores, entre outros materiais, servíndose de diñeiro público das arcas municipais. Entre eles, atoparíanse teléfonos intelixentes e dispositivos informáticos "e mesmo unha moto eléctrica".

Os socialistas aseguran que son os propios asesores os que están a solicitar os orzamentos, un modo de proceder que tachan de "dubidosa legalidade", posto que o persoal de confianza non pode asumir tarefas de funcionariado "e menos cando se trata de adxudicar a dedo contratos a empresas amigas para adquisición de material que nada ten que ver coas funcións de Alcaldía".

En concreto, asegura ter constancia de que os asesores solicitaron un orzamento de 14.937 euros para adquirir 14 teléfonos intelixentes, ademais de 4 smartwatches por importes entre 360 e 380 euros cada un.


Orzamento telefonos e reloxos intelixentes

Presuposto dos reloxos enviado ao Concello de Ourense e publicado polo PSdeG


Así mesmo, denuncian que existe un orzamento para a compra de 18 portátiles, 6 computadores de mesa, 7 monitores LED, 6 teclados e 6 ratos nun lote á parte do aprobado na Xunta de Goberno Local, medio millón de euros, para a instalación de equipos informáticos.

Ademais os socialistas engaden que o persoal eventual de Jácome tamén está pendente da posible compra dunha scooter eléctrica valorada en 6.500 euros.


PSOE: "Non imos permitir o malgasto de diñeiro público dun alcalde que pensa que o Concello é a súa empresa privada" 




Por todo iso rexistraron unha solicitude de información urxente para coñecer as facturas emitidas desde o Concello en compra de mobiliario, equipos informáticos e vehículos desde o inicio do mandato. "Non imos permitir o malgasto de diñeiro público dun alcalde que pensa que o Concello é a súa empresa privada", censurou o portavoz socialista, Rafa Villarino.

RESPOSTA DE JÁCOME

Pola súa banda, o rexedor municipal ha desmentido as acusacións dos socialistas, que cualificou de "absolutamente surrealistas". "É todo falso e demostra a calidade da oposición que está a facer este grupo. É nefasta. Cre o ladrón que todos son da súa condición", afeou.







Así explicou que non se trata de reloxos de luxo senón de dispositivos intelixentes de 300 euros e que "non son para uso dos asesores, senón para o Centro de Intelixencia Artificial".

O político di que obxectivo é que os enxeñeiros comproben o funcionamento, neste tipo de dispositivos, de diferentes páxinas web e aplicacións do Concello que se están preparando.

Así mesmo, Jácome trasladou que é necesario que o Concello "dispoña de boas ferramentas tecnolóxicas", en referencia aos teléfonos de alta gama que si afirmou que se adquiren "para diferentes áreas municipais". "O Concello necesita dispoñer de alta tecnoloxía e iso non é malgastar, son moito máis rendibles os teléfonos de alta gama que os da baixa", resolveu. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE