Brote escolar con 11 positivos nun colexio de Foz, confirma o alcalde pero non a Xunta
Un brote con 11 nenos de educación infantil contaxiados pola Covid-19 no CEIP Cantel de Foz (Lugo) levou a que se apliquen "todos os protocolos correspondentes", segundo puntualizou este venres o alcalde deste municipio, Fran Cajoto.
En todo o que levamos de pandemia, Educación xamais informou publicamente de ningún brote de orixe escolar, a pesar de que houbo centros que chegaron a superar os 50 casos activos á vez.
CEIP Cantel de Foz nunha foto de Google Street View
Respecto diso, Cajoto precisou que "son nenos que non están aínda vacinados, de educación infantil, dados que aos menores de doce anos non se lles vacina". "Aínda que non se aprecian síntomas graves, parece ser que non ten gran incidencia a enfermidade, pero si que son transmisores da Covid", abundou.
FAMILIARES EN CORENTENA
Debido a este brote, o alcalde advertiu que "se seguen todos os protocolos, facendo as probas correspondentes a familiares e posibles contactos, e esperando que sexa o máis reducido posible". "Non nos podemos relaxar", avisa.Ademais, Cajoto comentou que "se mantén a corentena de familiares e dos contactos máis estreitos". "Pedimos que se cumpra o que se marca e non nos saltemos eses confinamentos", requiriu.
Respecto diso, fontes da Consellería de Educación confirmaron a Europa Press que no caso deste brote en Foz as autoridades sanitarias "xa están en contacto co centro para o manexo dos casos, seguindo o procedemento establecido".
"AULAS BURBULLA"
O rexedor sinalou que "o inicio do curso escolar está a ser un pouco convulso" en Foz, tras "vir dun verán cunha importante baixada da incidencia, un verán con bos resultados económicos pola presenza de moitos visitantes no concello".
Finalmente, o alcalde de Foz avogou por "as aulas burbulla que son a mellor solución para que non se expanda". "E ter conciencia da situación sanitaria na que nos atopamos", concluíu.
Escribe o teu comentario