Covid Galicia: A melloría frea e a taxa de positividade crece, mostran os índices semanais
Confirmamos así que a tendencia é á baixa, pois na última semana houbo menos positivos que na penúltima. Cantos menos?
Os 1.003 novos positivos por PCR comunicados esta tarde pola Xunta, tras o colapso da web do SERGAS durante horas, serven para seguir baixando a maioría dos indicadores semanais, aínda que a melloría segue perdendo fol.
A taxa de positividade volve crecer en parte debido aos problemas que está a ter a Xunta para alcanzar o ritmo de PCR ao que chegou no inverno.
Así, a incidencia acumulada semanal cae de 268 a 264 tras 11 días seguidos de baixada.
A incidencia acumulada a 14 días tamén baixa, de 592 a 579 positivos por 100.000 galegos, despois de 10 días conseguitivos de descenso.
O dobre da incidencia semanal ( 536 ) é menor que a incidencia bisemanal ( 579 ). Confirmamos así que a tendencia é á baixa, pois na última semana houbo menos positivos que na penúltima.
Cantos menos? A razón de taxas é de 0,91, por tanto un 9% menos. O problema é que onte era tamén un 9% menos, antonte un 10% menos e o día anterior un 11%. É dicir, a baixada continúa pero está a perder velocidade.
A taxa de positividade onte foi do 13,5% das PCR, o que non é unha boa cifra, a pesar de ser a mellor da semana. Insuficiente en todo caso para deter o ascenso da media semanal, que crece de 14,3% a 14,4%.
SITUACIÓN DOS INDICADORES NO SEMÁFORO DE ALERTAS
Segundo os criterios do semáforo de alertas oficial, a taxa de positividade de Galicia segue en risco alto, correspóndelle por estar entre 10% e 15%. O máis preocupante é que este índice fai xa catro días que non baixa dunha maneira significativa. Este cambio de tendencia prodúcese cunha cifra de PCRs máis ou menos estable, ao redor de 7.000. Sen dúbida unha mala noticia que non serve para desmontar toda a melloría pero á que hai que estar atentos.
O descenso da incidencia semanal non se parou pero perdeu moita velocidade no tramo final desta semana. Seguimos por encima dos 1.000 positivos ao día e así quedan moitas semanas, mesmo meses, para que logremos abandonar o risco alto actual.
EVOLUCIÓN DOS CASOS ACTIVOS
O total de infectados descende hoxe un -2,49 . A media semanal, o indicador máis relevante, completa outro paso na boa dirección e baixa ata -0,87%.
É a segunda xornada seguida en que este índice está en valores negativos, o que indica que cada día que pasa o SERGAS ten menos presión asistencial.
En termos absolutos, as porcentaxes de hoxe equivalen a un descenso -453 ,que deixa o total en Galicia en 17.742 casos activos.
CONCLUSIÓNS
Con todas estas estatísticas sobre a mesa, podemos inferir que:
- A pandemia segue á baixa en Galicia pero a súa velocidade de descenso perdeu brío esta semana. Perdeu tanto empuxe que algúns indicadores xa soben (taxa de positividade semanal, por exemplo) e outros están aplanándose (incidencia semanal).
- A perda de brío da melloría é preocupante porque estamos ante unha melloría moi recente e é demasiado pronto para calquera deceleración ou rebote.
- As mellores noticias de hoxe son da fronte hospitalaria. Con 255 pacientes en planta igualamos a cifra de onte. O máximo, 285, queda xa cinco días no pasado. Superado hai unha semana o pico de novos positivos, deberiamos estar preto ou atravensando o pico de hospitalizados.
DATOS POR ÁREAS
A Coruña volve ser por segunda xornada consecutiva a área con máis novos diagnósticos. Ademais, é o distrito que soporta máis pacientes críticos, 16. Afortunadamente o seu veciño Ferrol aguanta en 9 enfermos críticos, porque hai que lembrar que a súa capacidade convencional é de 10 pacientes en UCI.
Máis datos a nivel municipal e de distrito do SERGAS nuns minutos en Galiciapress.
Escribe o teu comentario