Empresas privadas poden operar algúns dos trens de alta velocidade entre Madrid e Galicia
Antes da pandemia a operadora alemá Deutsche Bahn tamén tentou operar trens no corredor atlántico ata Portugal (A Coruña- Porto) pero o coronavirus atrasou estes plans
O alcalde Bugallo na presentación da nova intermodal nunha foto do Concello de Santiago
A presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, anunciou "mostras claras de interese" de operadores polo AVE a Galicia tras o "éxito" na "liberalización" doutras liñas en España.
NOVA INTERMODAL
No acto de presentación do futuro edificio de viaxeiros para a nova intermodal de Santiago de Compostela, Pardo avanzou ese interese "por parte de operadores que están a estudar de forma prioritaria facerse con material rodante", é dicir, adquirir trens, que é o máis custoso.
O interese deses operadores supón "vir a Galicia e contribuír ao incremento de frecuencias e contribuír á redución de prezos", "en definitiva, democratizar as relacións de longo percorrido".
PRECEDENTES
E é que "a liberalización que está a funcionar no corredor Madrid-Barcelona e que este ano funcionará no corredor do Levante", explica a responsable de Adif, "está a ser un éxito" e "está a axudar a recuperar os tráficos anteriores á pandemia".
Os trens da empresa Ouigo inauguraron o pasado mes de maio a liberalización do sector do tren en España coa liña entre Madrid e Barcelona. Pola súa banda, Renfe estrea a súa liña de 'baixo custo' de alta velocidade con Avlo.
"Estamos a escribir o futuro de Galicia, o interese que esperta a nova conexión de alta velocidade, a disposición para adquirir compromisos de investimento de gran impacto na liberalización", afirma Isabel Pardo de Vera. "Os monopolios son vida tranquila e sabémolo", di, polo que este interese: "Demostra o gran futuro que temos por diante".
Escribe o teu comentario