Prosegue a procura do veciño de Navia de Suarna desaparecido desde o pasado venres
O home, de 53 anos e que reside na aldea de Ventosa, foi visto por última vez o venres 30 de abril.
Desde o goberno local sinalan que, a pesar de que o desaparcido sofre de esquizofrenia, estaba a recibir tratamento: "Non había nada, alí estaban as chaves do coche, o móbil e a carteira e entón empezamos a buscar por aí, pola aldea e non vimos nada".
José Luís, desaparecido en Navia de Suarna | Foto: G24
Efectivos de Emerxencias manteñen despregado un operativo de procura para tentar localizar a un veciño de Navia de Suarna, que falta do seu domicilio desde o pasado venres.
Así o confirmou o rexedor local, Pepe Fernández, que explicou que o dispositivo está conformado pola Garda Civil a través do Seprona, efectivos dos GES, e Protección Civil de Becerreá e Cervantes.
O desaparecido, un veciño de 53 anos, vive só na aldea de Ventosa e foi un veciño de alertou o sábado pola tarde de que "non o vía desde facía un día", e que ademais tiña o coche no garaxe á beira de casa. O home chamábao e non contestaba e "a vivenda estaba pechada", engade.
Nese momento desprazáronse ata o lugar efectivos do 061, da Garda Civil, o GES de Becerreá e persoal do Concello de Navia, que tiveron que romper o cristal dunha xanela para acceder ao domicilio dado que de novo ninguén respondía as chamadas dos axentes.
"Non había nada, alí estaban as chaves do coche, o móbil e a carteira e entón empezamos a buscar por aí, pola aldea e non vimos nada", explica o rexedor.
Os efectivos desprazados iniciaron unha procura pola contorna do pobo, por pistas e estradas, posto que o home "adoitaba andar bastante, camiñaba con frecuencia".
O desaparecido non ten irmáns e só ten "familiares en segundo grao", e hai testemuños que aseguran que foi visto no municipio o venres ao mediodía.
O home está "retirado", traballo durante "moitos anos en Barcelona" e padece unha "esquizofrenia da que está a ser tratado desde hai moito tempo", polo que "levaba unha vida normal e ordenada".
Escribe o teu comentario