Os sindicatos do metal convocan unha folga para o 22 de abril en Pontevedra pola negociación do convenio
Comisións Obreiras, UXT e CIG fixeron un chamamento para "pelexar na rúa" a negociación do convenio do sector do metal.
Desde a patronal consideran "desproporcinada" a medida, mentres os traballadores acusan á patronal de querer "aproveitar a crise".
Protesta dos traballadores do metal | Foto: EP
Os sindicatos do sector Metal da provincia de Pontevedra anunciaron este mércores a convocatoria de folga para o próximo 22 de abril, ante o bloqueo na negociación do convenio e a actitude da patronal, á que acusan de levalos á mobilización. "Imos pelexalo na rúa", proclamaron.
Así o avanzaron os portavoces de CC.OO., UXT e CIG nunha asemblea celebrada na chaira da Laxe, en Vigo, na que participou máis dun centenar de traballadores, e que acabou con consignas chamando á folga e á mobilización.
O responsable de Industria de UXT, Rubén Pérez, sinalou que o sector leva desde finais de 2019 coas súas condicións "conxeladas", e que a patronal pretende "aproveitar a crise" derivada da pandemia para "precarizar aínda máis" esas condicións.
O portavoz de CC.OO., Celso Carneiro, lembrou que a patronal "se ha levantado da mesa de negociación" e "non quere que haxa convenio". "Está a retarnos, e ímolo a pelexar na rúa", afirmou, á vez que subliñou que o convenio do Metal de Pontevedra debe volver ser un referente, "non só para este sector, senón tamén para outros".
Finalmente, o responsable de CIG Industria, Xulio Fernández, tamén denunciou que "desde o primeiro momento, a patronal quixo romper a negociación, ir á precarización", polo que "chegou a hora" de dar "un salto cara a adiante" nas reivindicacións, coa convocatoria desa xornada de paro. "E se non lles chega, haberá máis días, terán que sentar (...), temos as razóns e a forza, e imos demostrala o 22 de abril", proclamou.
As negociacións do convenio do Metal de Pontevedra, que afecta a máis de 20.000 operarios na provincia, levan semanas paradas ante a imposibilidade de chegar a un acordo, aínda que inicialmente as partes pactaran buscar un documento "de transición" para dous anos.
Con todo, as diferenzas en cuestións como a actualización de salarios, a entrada de ETT nas empresas ou o modo de pagar as indemnizacións por finalización de contratos levaron a un punto de bloqueo. A patronal ve desproporcionadas as peticións económicas dos sindicatos no actual contexto de crise e incerteza, e a parte social acusa as empresas de utilizar a pandemia como escusa para empeorar as condicións dos persoais.
Escribe o teu comentario