Veciños de Touro enfrontados pola denegación do proxecto mineiro; asociación acusa os promotores
A plataforma 'Cornado Mina Non' denuncia os intentos da 'Asociación de mineiros Touro-O Pino' de reactivar o proxecto mineiro da zona, desestimado pola Xunta de Galicia.
A plataforma 'Cornado Mina Non' denuncia os intentos da 'Asociación de mineiros Touro-O Pino' de reactivar o proxecto mineiro da zona, desestimado pola Xunta de Galicia.
Desde o grupo contrario á mina sinalan que a organización mineira está “vinculada á empresa promotora do errado proxecto e dirixida por enxeñeiros e outro persoal do sector extractivista chegado desde diferentes partes da península”.
Plataforma 'Cornado Mina Non' | Foto: 'Cornado Mina Non'
Nesa liña, desde a plataforma advirten que a empresa promotora, a través desta organización, está a presionar á Xunta de Galicia para reactivar o proxecto, “inviable e insostible segundo os técnicos da administración galega”. Así, o que buscan por medio destes comunicados é provocar de forma intencionada “un conflito social e fragmentar a sociedade”.
De feito, desde o colectivo veciñal denuncian acusacións infundadas por parte daqueles que apoian o proxecto mineiro e que tachan aos grupos medioambientalistas de ir “contra o progreso” e de ser “ecoloxistas de fin de semana”. “Estamos na idade do eucalipto e a vaquiña”, din desde a organización de mineiros.
“O engano e o malabarismo coas palabras foron a súa principal arma de persuasión. Entre os argumentos máis recorrentes que usaron estiveron a necesidade da explotación mineira para facer posible a 'revolución verde', e para iso usaron fragmentos de textos da Comisión Europea eliminando as partes que non lle interesaban”, argumentan en 'Cornado Mina Non', á vez que critican aos promotores de ampararse en termos como “sustentabilidade” para defender o proxecto e acúsaos de ser “defensores dun negocio particular, non do emprego”.
Por todo isto, desde a oposición á mina reclaman “respecto e humildade” unha vez que o tempo “nos deu a razón coa denegación do proxecto” non só por parte da administración pública, senón tamén “da sociedade galega, da comunidade científica e dos técnicos que avaliaron o proxecto”.
Escribe o teu comentario