Renfe non recupera as liñas "fundamentais" de tren hotel de Galicia con Madrid e Barcelona, denuncia CC.OO.
Renfe suprimiu estas conexións durante a curarentena, unha das poucas liñas directas coa capital e a cidade condal, e CC.OO. critica que este servizo ferroviario siga sen repoñerse.
Para o sindicato, a Xunta "debe esixir ao ministerio o mantemento destes trens, cuxa perda van padecer todas as capitais galegas".
Trens de Renfe | Foto: EP
O sector ferroviario de CC.OO. de Galicia rexeita a decisión que atribúe a Renfe de "non recuperar" as conexións nocturnas con Madrid e Barcelona que se prestaban mediante os trens hotel.
Así o aprobou nunha resolución no peche do seu congreso autonómico, tras o que critica que despois de "múltiples intentos de suprimilos", a empresa "aproveita a crise da covid para dar o peche definitivo a estes servizos".
De confirmarse esta supresión, advirte, "a perda de emprego en Galicia supoñería ao redor de máis de 100 postos de traballo, 46 deles directos, boa parte dos cales están actualmente en ERTE".
O que saíu reelixido como coordinador do sector ferroviario de CC.OO., Gregorio Bermejo, subliña que estes servizos son "fundamentais" para Galicia e que moitas persoas optan por este sistema de transporte "por ser un medio menos agresivo" e un estilo de viaxe "máis tranquila e respectuoso co medio ambiente".
Por iso, rexeita os criterios "economicistas" e asegura que "gran parte" das perdas aducidas "débense á mala xestión" da empresa.
Así mesmo, o sindicato considera que a Xunta "debe esixir ao ministerio o mantemento destes trens, cuxa perda van padecer todas as capitais galegas".
Escribe o teu comentario