"Se me pagades, respóndovos, pero creeis que traballo para vós?" di Jácome en rolda de prensa

PSOE e BNG censuran a actitude do rexedor e os "indignos ataques" contra varios medios durante a súa rolda de prensa

|

Non é verdade e, se o fose non sería máis que unha negociación política. Esta é a liña defensa do alcalde de Ourense tras o audio no que o seu curmán negocia, di que por encargo do alcalde, un posto na Deputación para unha concelleira a cambio de que deixe a súa acta no Concello


O líder localista preséntase como vítima da Rexión, negándose a responder o grupo mediático máis importante na súa cidade e que destapou o audio orígen da polémica


Gonzalo Pu00e9rez Ju00e1come hoxe en rolda de prensa

Jácome hoxe en rolda de prensa 


O rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, negou ter relación coa polémica chamada dun asesor da alcaldía, Félix Álvarez, na que ofrece un posto na Deputación provincial a unha das edís críticas, María Debuxa, a cambio da súa acta no Concello.

"FALEN CON TERCEIROS"
Nesta conversación, publicada polo diario A Rexión, o asesor e primo do propio alcalde asegura que o fai 'obrigado' polo rexedor, que pola súa banda rexeita calquera responsabilidade e négase a dimitir. "Son conversacións de terceiros, non hai evidencias miñas, falen con terceiros", sentenciou este martes en rolda de prensa.



"Parece isto a película de Casabranca. Onte saía María Debuxa dicindo na Cadea SER 'a ver que ten Jácome que dicir mañá sobre isto' --a chamada telefónica--. Como que sobre isto?, a rolda de prensa xa estaba convocada, a ver se se cre que marca ela a axenda política. É como Casabranca cando lle din a Rick 'Desprézasme, verdade?' e responde 'se pensase en ti talvez'".


Así comezou Gonzalo Pérez Jácome a rolda de prensa deste martes, na que insistiu aos medios presentes en que se "tratarían asuntos municipais", como as distintas festas que non se celebrarán este ano e mesmo dos postos de rosquillas. Dez minutos despois retomaríase a polémica sobre a chamada.

O PSOE pediu a súa dimisión despois de que o xornal A Rexión anunciase o luns que levaría o audio da chamada ante a Fiscalía por se supoñía algún tipo de delito. Esta mesma semana pasou tamén por Fiscalía unha denuncia anónima sobre o tráfico na zona vella da cidade e pola baixada dos bolardos que o regulaban.

XUSTIFICACIÓN DO OFRECEMENTO
"No momento en que alguén vai a Fiscalía, xa se considera culpable. Vai un mindundi calquera a denunciar e teño que dimitir? É coma se eu denuncio a Feijóo en Fiscalía ou a Caballero, tanto dá o tío como o sobriño, terían que dimitir por esa regra de tres. Non ten sentido", ironizou. Hai que lembrar que Jácome levou á Fiscalía a multitude de políticos e practicamente ningunha das súas denuncias prosperou. 

"O mesmo pasa con esa conversación", considerou Jácome, para tachar de "surrealista" que alguén pida a súa dimisión por unhas gravacións nas que non sae nin "teñen nada onde apareza".

"E aínda que así fose non sería nada ilegal", engadiu, debido a que non sería "chantaxe nin mercadeo de postos", senón "negociación política" que "o fan todos".

"QUERE QUE METAMOS Ao seu FILLO"
A pesar de que na conversación telefónica non se menciona que persoa ocuparía o posto, Gonzalo Pérez Jácome sinalou a Debuxa, e mencionou unha reunión "con Follea" --tenente alcalde-- na que ela solicitou "que se puxese ao seu fillo no posto".

"Ela chamounos solicitando que metésemos ao seu fillo como eventual na Deputación. É tránsfuga e quere que metamos ao seu fillo nun posto de traballo co que criticamos nós iso", razoa.

PRESUNTO ENCHUFE
O rexedor negou así calquera tipo de relación coa conversación insistindo en que "o que pasa entre terceiros pregúntaselle a eles".

"Dannos unha foto dun DNI e é o nome do fillo, hai que ter desvergoña. Creo que ten 29 anos e acabou a carreira de dereito o ano pasado. Sen ningunha experiencia laboral e queres situalo nun posto de traballo de 3.000 euros brutos, 2.200 ao mes. Miúdo luxo", engadiu.

NEGOCIACIÓN POLÍTICA
Con isto pasou a cuestionar a realidade da chamada asegurando que pode ser "propiamente montada por ela ou mesmo totalmente simulada", aínda que mostrou as súas dúbidas de que o seu asesor participase na suposta montaxe.

"É unha persoa de confianza e iso si sería moi grave. Pode pasar dúas cousas que se haxan conchabado ou que o fixese como o nazi Rudolf Hess e en tal caso non sería chantaxe, sería negociación política".

RIFA AO FINAL DO ACTO
No mesmo acto vivíronse momentos de tensión, debido ao rexeitamento do rexedor de responder a algunhas preguntas dos medios.

Cuestionado sobre se esta situación suponlle algunha presión pola que se expón chegar a retirarse, Jácome D "Hai dous anos e 3 meses por diante e todo indica que seguiremos nós".

'Nega entón solicitar ao seu asesor que realizase esa chamada?', consultou outro medio, ao que o rexedor sinalou: "Ti entendes o español? Esa pregunta xa está respondida".


Tras concluír a rolda de prensa, negándose a responder a Telemiño, emisora que é parte do mesmo grupo que A Rexión, o alcalde engadiu: "Se me pagades respóndovos, a A Rexión e a Telemiño. Veña, facédeme unha oferta, a ver se creeis que traballo para vós?", dixo, abandonando o salón de plenos.

REPROCHES DA OPOSICIÓN

Ante estes feitos, o PSOE e o BNG censuraron os comentarios do alcalde e solicitaron unha resposta do Partido Popular para "poñer fin á situación".

Os socialistas criticaron os "indignos ataques" contra varios xornalistas e manifestaron o seu apoio aos medios. "Esta situación insólita causada por manifestacións impropias dun alcalde e de calquera con sentido da educación, deben recibir un rexeitamento contundente de calquera demócrata".

Así pois, solicitaron que o PP municipal "deixe de sustentar e amparar, inmediatamente a un alcalde que acosa aos medios" e sostiveron que "está na súa man parar esta desfeita"

Nesta liña, o BNG lamentou o "cúmulo de despropósitos e surrealismo" de Jácome que, no canto de aclarar os feitos, "dedicouse, como é costume, a difamar, insultar e desviar a atención con argumentos peregrinos e coma se houbese unha conspiración".

Do mesmo xeito que o PSOE lamentaron que os medios de comunicación "teñan que soportar os continuos ataques e faltas de respecto", condenando esa actitude e instaron ao PP municipal a "que aclare" se "as explicacións" son da súa "enteira satisfacción" e seguen mantendo o apoio ao rexedor ou "poñen fin a este esperpento permitindo un goberno alternativo dunha vez por todas". 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE