Ano e medio despois, os bombeiros de Vigo desconvocan a folga en "xesto de boa vontade"

Lamentan que se mantén o déficit de persoal e instan o Concello a cumprir as sentenzas firmes

|

O servizo de bombeiros olívico mantén un pulso co goberno de Abel Caballero desde hai moitos meses.


O persoal reclama melloras nas condicións do servizo e ampliar o número de efectivos.  Ata o de agora, as súas denuncias caeron en saco roto. 


Representantes do comité de folga dos bombeiros de Vigo, ante a entrada principal do Concello olívico.Bombeiros de Vigo | Foto: EP


O comité de folga dos bombeiros de Vigo, integrado polos sindicatos CIG, CC.OO. e CUT, anunciou este venres a desconvocatoria da folga indefinida que mantiñan desde agosto de 2019 para reclamar máis persoal e melloras nas condicións deste servizo, un "xesto de boa vontade" para demostrar ao goberno local que seguen "abertos ao diálogo" e para urxir un acordo que poña fin ás súas "condicións de traballo esclavistas".

O portavoz do comité, Miguel Uclés, explicou que esta decisión supón dar un paso desde o colectivo de bombeiros, que segue reclamando que se executen, por parte do Concello, as sentenzas firmes que dan a razón aos traballadores, e que poñen de manifesto a falta de persoal. De feito, as resolucións xudiciais declararon ilegal o decreto de servizos mínimos de bombeiros, porque o número de efectivos coincidían co dos servizos ordinarios.

Nese sentido, Uclés sinalou que prevé que, en próximos días, o Concello teña que tomar "decisións" para executar esas sentenzas, e urxiu ao goberno local a sentar para chegar a un acordo, porque a falta de persoal "pon en perigo a seguridade" da propia cidade.

Segundo explicou, o goberno local debe garantir os descansos do persoal e compensar con descansos as "gardas esclavistas" que deben realizar estes funcionarios, obrigados por un decreto tombado polos tribunais. "Ante a falta dramática de persoal, terán que explicarlle ao xuíz como pensan facelo", apuntou o portavoz do comité de folga.


FALTA DE PERSOAL

Coa desconvocatoria da folga os bombeiros pretenden desbloquear o conflito, e advertiron de que, en todo caso, lograron o seu obxectivo porque as súas demandas foron recoñecidas e "reforzadas" pola xustiza. A estas alturas, indicou Miguel Uclés, "a falta de bombeiros na cidade xa é recoñecida por todos, incluído o alcalde".

Así, lembrou que Vigo, pola súa magnitude, debería contar con 27 efectivos de garda cada día, e a media é da metade, á vez que incidiu en que, aínda que o Concello iniciou o proceso para incorporar novos bombeiros, entre tanto, "cada día que pasa sen bombeiros é unha realidade que hai que resolver inmediatamente".

En todo caso, e aínda que a folga indefinida desconvocouse, o comité de folga precisou que os bombeiros da cidade "seguen mobilizados" para reivindicar melloras no servizo.

Finalmente, e cuestionado polos medios acerca da demanda presentada pola vía penal contra o alcalde e outros responsables municipais, Miguel Uclés sinalou que ese proceso "mantense".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE