Covid aulas: hai 12 centros con 20 ou máis positivos pero Educación indica que se dobrou a curva
Lista de todos os centros educativos non universitarios de Galicia con casos activos de coronavirus remitida hoxe polo SERGAS ao final desta noticia.
Por terceira xornada consecutiva caen os casos activos entre a comunidade educativa non universitaria
A pesar de manter máis de 180 aulas a Xunta insiste en que non hai transmisión nos centros
O conselleiro realiza un chamamento a non relaxarse agora que se percibe unha melloría
Os centros educativos galegos rexistran un total de 3.711 casos activos este venres, o que supón 141 menos que o xoves, segundo os datos feitos públicos pola Xunta. Deste xeito, prodúcese un descenso por terceiro día consecutivo, despois dun incremento prolongado durante a terceira onda.
As aulas pechadas tamén baixan a 181 (dúas menos que a anterior xornada). Pola súa banda, os centros clausurados en Galicia mantéñense en catro: a escola infantil Cáritas-Tui de Vigo, a municipal de Viveiro, a Jorge Juan de Fene e o centro de educación especial Miño de Ourense (acumulan 17 casos entre os catro).
O CONSELLEIRO SACA PEITO
Respecto diso, tras reunirse co comité educativo, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, valorou que a curva de casos de COVID-19 detectados en centros escolares comezase a dobregarse "grazas á absoluta responsabilidade" de estudantes e docentes.
Neste sentido, o conselleiro eloxiou a "capacidade de organización e de adaptación dos alumnos e os profesores" evidenciada neste contexto de crise sanitaria. Deste xeito, destacou que representaron un exemplo durante o primeiro trimestre do curso e volveron a facelo "nestas semanas duras".
Ademais, indicou que esta foi a primeira semana tras o período do Nadal na que a curva de casos de coronavirus comezou a descender. Con todo, Román Rodríguez sinalou que o número aínda é alto, en liña co conxunto de positivos global, polo que recalcou que resulta imprescindible manter o cumprimento dos protocolos e medidas.
DATOS POR ÁREAS SANITARIAS
No tocante a áreas sanitarias, rexístrase un descenso de casos activos en todas menos na de Pontevedra, con 13 casos máis (un total de 532). As aulas pechadas aumentan en cinco ata 26.
No caso da área de Pontevedra, os centros contan con 519 casos (11 menos) e 21 aulas pechadas (dúas menos). Destacan o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Vilagarcía (26), o CEIP Plurilingüe Cruceiro de Sanxenxo (25) e o CPR Santiago Apóstolo de Soutomaior (24).
CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Vilagarcía nunha imaxe de Google Street View
A área de A Coruña segue á cabeza este venres en casos totais (993), pero hai unha diminución de 43 respecto ao xoves (maior baixada absoluta en comparación co resto). As aulas non operativas mantéñense en 34.
Nesta área Destacan os casos en tres centros de Arteixo: IES Manuel Murguía (30), CEIP Ponte dos Brozos (27) e CEIP de Arteixo (24). Tamén na cidade herculina en: CPR Plurilingüe Liceo A Paz (34), o CPR Eiris (24), CPR Plurilingüe Salesiano San Juan Bosco (24) e CPR Plurilingüe A Grande Obra de Atocha (22).
A área de Vigo continúa como segunda con maior incidencia. Anótase un baixada de 38 contaxiados e queda en 689 activos. As aulas clausuradas son 44, tres menos. O CEP Altamira de Salceda de Caselas (23), o CPI da Cañiza (19) e CPR Os Salgueiros de Mos (18) están á cabeza en cifras de contaxiados.
Así mesmo, os centros da área de Santiago computan 521 casos (27 menos) e 22 aulas clausuradas (igual que o xoves). Aquí, sobresaen o CPR Plurilingüe La Salle (17), o CEIP A Ramallosa de Teo (15), o CPR Plurilingüe San José de Cluny (14), o IES Antonio Fraguas Fraguas (13) e o IES de Valga (13).
A seguinte na listaxe é a área de Ourense con 384 positivos (18 menos) e 28 aulas clausuradas (unha menos). Hai especial afectación no CEIP A Ponte, con 21 contagios e dúas unidades afectadas.
A área de Lugo conta con 338 positivos (14 menos), 11 aulas (unha menos) e unha escola infantil clausurada en Viveiro. Os puntos de maior afectación son o IES Santiago Basanta Silva de Vilalba (18) e o IES Río Cabe de Monforte (17).
Pecha a lista a área de Ferrol, con 292 activos (14 menos) e 16 aulas clausuradas (dúas menos). Aquí, sobresae o CEIP Couceiro Freijomil de Pontedeume (15), o IES Punta Candieira de Cedeira (15) e o CPR Santiago Apóstolo de Narón (14).
Escribe o teu comentario