Feijóo chama aos cidadáns para acudir aos cribados "para non contaxiar ás súas familias, compañeiros e amigos"
O presidente da Xunta de Galicia insta aos citados para someterse aos cribados a acudir aos centros para detectar máis asintomaticos.
De momento, a afluencia aos cribados nalgunhas zonas rolda o 50% na área de A Coruña, polo que as autoridades sanitarias piden unha maior implicación cidadá.
Fejióo xunto a Inés Rey, alcaldesa da Coruña | Foto: EP
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, instou ás persoas chamadas aos cribados, que se están levando a cabo para detectar posibles positivos, a que acudan, despois de que, no caso concreto da Coruña, das 9.786 persoas citadas a fin de semana, só acudisen a metade, un total de 4.878.
"O mellor que poden facer para coidarse eles é ter un diagnóstico individual", recalcou Feijóo, quen insistiu na importancia de que acudan a realizarse a proba para detectar posibles positivos e poñer en corentena eses casos. "Para que non contaxien ás súas familias, compañeiros e amigos", recalcou.
Feijóo realizou estas manifestacións ao ser preguntado, tras a firma do convenio co goberno local coruñés para a execución do 'Novo Chuac', se será necesario dispoñer dun hospital de campaña na Coruña dada a presión asistencial actualmente nesta área sanitaria.
Sobre esta cuestión, admitiu unha "presión importante" tanto en hospitalización como en UCI, pero recalcou o traballo dos profesionais sanitarios buscando "reordenacións intelixentes para evitar o despregamento de calquera instalación temporal".
Feijóo manifestou que hai que esperar tamén á evolución da Covid-19 tras a decisións adoptadas o pasado 26 de xaneiro cando se ampliaron as restricións. Así, dixo que "a finais desta semana" poderase ter unha valoración máis completa "das necesidades asistenciais que necesitemos".
Escribe o teu comentario