"Os colexios con filtros HEPA teñen cero contagios nas súas aulas ou só algún puntual", claman familias

 

Os filtros HEPA engaden unha capa de protección a maiores  á de a ventilación, son eficaces, seguros e mesmo os recomenda o CSIC para os colexios. Así pode resumirse as argumentacións da nova Plataforma Filtros Hepa nas Aulas Galicia, un colectivo de nais e pais que pide instalar nas aulas estes filtros que usan avións e hospitais. 


|

Os filtros HEPA engaden unha capa de protección a maiores  á de a ventilación, son eficaces, seguros e mesmo os recomenda o CSIC para os colexios. Así pode resumirse as argumentacións da nova Plataforma Filtros Hepa nas Aulas Galicia, un colectivo de nais e pais que pide instalar nas aulas estes filtros que usan avións e hospitais.


A Xunta desatendeu por agora esta petición. É máis, a Plataforma cre que Educación está saboteando os intentos de certas ANPAS por instalalos pagándoos do seu propio peto. Sobre  este e outros temas conversamos en Galiciapress con María Álvarez, unha das cofundadoras do colectivo.


Hepa nas aulas

María Álvarez, do CEIP Marcón de Pontevedra, sofre unha inmuosupresión por un tratamento recente e é unha das confundadoras da Plataforma



A recomendación oficial do CSIC é que "se non se pode recorrer a ningunha medida de ventilación, débese purificar o aire con equipos provistos de filtros HEPA". A cuestión crave parece ser pois, a ventilación. Existen colexios en Galicia con deficiencias de ventilación?


En realidade, a Guía para ventilación en Aulas do CSIC dinos que se a ventilación natural non é suficiente recorrerase á ventilación forzada (equipos mecánicos) e “cando todo o anterior non é posible ou non é suficiente, débese purificar o aire con equipos provistos de filtros HEPA”. Segundo o CSIC “a solución final pode ser combinar ventilación natural e purificación”. En Galicia podemos atopar todos os casos. 


Existen colexios antigos con aulas que carecen de ventilación natural, ou esta é mínima e colexios actuais con mellor ventilación natural e mesmo equipos de ventilación nos máis recentes. Pero a realidade, ao final, é que mesmo os coles que teñen unhas boas xanelas e posibilidade de ventilación natural teórica, non poden levala a cabo tantas veces como sería necesario porque as circunstancias climatolóxicas de choiva e vento invernais moitas veces fano inviable. E xa non falo do frío, que ten as súas consecuencias pero en última instancia e ben abrigados pódese tolerar en prol dunha boa ventilación.


A resposta da Xunta á recomendación do CSIC foi que “os filtros HEPA non son suficientes por si mesmos e que só poden empregarse en todo caso como último recurso, de maneira complementaria, nunca sustitutivo, e excepcionalmente”. Que lles parece esta interpretación das conclusións dos científicos?


Parécenos, cando menos, “peculiar”. Por suposto que os filtros HEPA non son suficientes por si mesmos. Algo que defendemos e recalcamos sempre nas nosas peticións á Xunta é que a ventilación é o máis importante, sen ningunha dúbida, pero defendemos que, como di o CSIC, Harvard, etc., cando esta ventilación non é suficiente (sexa por circunstancias de construción, climatolóxicas ou calquera outra) débense utilizar estes filtros HEPA como complemento. Xamais como substituto e é algo que non nos cansaremos de recalcar. 


En canto a que só poidan empregarse como último recurso, calquera diría que estamos a falar de aparellos radioactivos, daniños ou perigosos cando en realidade levan moitos anos demostrando a súa eficacia e inocuidad en unidades de oncoloxía e outras unidades dos nosos hospitais públicos.


A resposta que recibimos foi silencio desde hai máis de 2 meses a actitude da Xunta resulta incomprensible cando estamos a falar dunha capa de protección extra un paliativo e complemento para a ventilación insuficiente e, sobre todo, a saúde dos pequenos e familiares de risco


A nivel práctico, a Xunta esixe un “informe técnico especializado, así como a súa autorización en coordinación coas directrices da autoridade sanitaria”. Quen é o responsable de realizar ese informe, a AMPA, o equipo directivo do centro ou a Consellería? Están a facerse eses informes cando se necesitan?


A Xunta esixe que a Dirección dos centros educativos solicite ese informe técnico á Unidade Técnica da Xefatura Territorial correspondente. Así se fixo desde varios centros educativos de Galicia e a resposta que recibimos foi silencio desde hai máis de 2 meses. Non realizan o informe e nin sequera dan unha resposta ás solicitudes. Algún centro ao que si se achegou persoal da Xunta tras solicitalo o ANPA a través do Consello Escolar, recibiu unha negativa “inmediata”. 


Tamén están os coles que querían instalalos e non o fixeron por prohibición expresa da Inspección Educativa (previa ás esixencias de estudo técnico da Xunta) e que, vendo a situación de bloqueo das solicitudes daqueles que si iniciamos o trámite, están á espera de ver como se resolve todo isto. A actitude da Xunta resulta incomprensible cando estamos a falar dunha capa de protección extra, un paliativo e complemento para a ventilación insuficiente e, sobre todo, a saúde dos pequenos e familiares de risco como é o meu caso, máis aínda en plena terceira onda, cos contaxios en coles que aumentaron un 210 % e seguen crecendo, con novas cepas como a británica ata un 70% máis contaxiosa... En fin, incomprensible.


Teñen constancia de que haxa aparellos con filtros HEPA instalados en escolas galegas. Se é así, cales foron os seus resultados?


Si, temos constancia de coles que os instalaron antes de que a Xunta decidise vetalos e deixarnos en stand by, que están moi satisfeitos co seu uso e, sobre todo, cos seus resultados: cero contaxios nas súas aulas ou só algún puntual. Ademais cóntannos que o seu mantemento, que debe ser rigoroso, é perfectamente alcanzable co asesoramento do provedor correspondente e moi pouco frecuente xa que os filtros duran meses.





Hai algunha vía de diálogo aberta coa Xunta? Solicitouse algunha reunión, aínda que fose a distancia? 


De momento, non hai vías de diálogo coa Xunta aínda que, por suposto, estamos abertos a iso. O que si fixemos foi enviar emails recordatorio ás Xefaturas Territoriais das que esperamos resposta para o estudo técnico e tampouco responderon. De feito, é esta frustración xerada polo silencio da Administración a que nos leva a buscar apoios e constituír esta Plataforma HEPA nas aulas Galicia onde nos atopamos con que eramos moitos máis dos que criamos os centros, ANPAS e familias que queren os HEPA para as súas aulas e desexan loitar por iso. Sen contar os que non se unen por medo a represalias.


Cal é a situación noutras autonomías? 

Sabemos que en Comunidades como Castela-León, Murcia ou Andalucía autorízase a súa implantación nas aulas. E isto, sendo do mesma cor política. Tamén hoxe mesmo atopamos noticias como que “o PP solicitará establecer unha liña de axudas orientada á compra de filtros HEPA para os centros educativos en Albacete”. Cada día aparecen máis comunidades, provincias ou concellos que defenden a implantación de purificadores HEPA nas aulas. E aquí temos exemplos como o do Concello de Gondomar, que se presta a financialos pero ven paralizados pola prohibición ou bloqueo administrativo da Xunta de Galicia.


Como sabe, este luns o Goberno Gallego endureceu notablemene as restricións ante a alza de positivos, que están en medias xamais vistas. Entre outras medidas, as universidades cancelan as clases presenciais. Con todo, os alumnos doutros niveis (FP, Primaria, Secundaria, etc.) teñen que asistir presencialmente. Que sentido ten esta diferenza de criterios?


Pouco sentido, ao meu parecer. En Secundaria e FP a forma de relacionarse socialmente e as características dos centros é bastante parecida á dos universitarios, por tanto, non debería haber esa diferenza. En canto a Primaria, cremos que o feito de que os nenos sexan asintomáticos convérteos en auténticos cabalos de Troia, sumado a que non se cumpren as cocientes, nin as distancias de seguridade entre mesas, que para merendar en clase teñen que quitar as máscaras, que a ventilación algúns días non se pode cumprir a machada... En fin, creo que a realidade do aumento exponencial de casos en colexios que estamos a vivir durante esta terceira onda fala por si soa.


Está a mirarse máis o custo político que o sanitario e isto sempre resulta perigoso e agora máis que nunca, cun índice de contaxios disparado e novas cepas altamente contaxiosas


As garderías, as escolas infantís, tamén seguen abertas a pesar de que os nenos alí non levan máscaras, debido á súa curta idade. Dado que tampouco é ensino obrigatorio, como tampouco o é a universidade, Cre que o feito de manter abertas as garderías revela que a diferenza de medidas entre diferentes niveis débese, fundamentalmente, ás necesidades de que nais e pais non teñan que coidar aos seus menores para que poidan seguir indo traballar?


Creo que, en parte é así. É certo que moitas familias ven en graves problemas para deixar aos pequenos mentres traballan se se suspenden as clases ou se pechan garderías e aulas de infantil. Pero tamén creo que se está mirando máis o custo político que o sanitario e isto sempre resulta perigoso e agora máis que nunca, cun índice de contaxios disparado e novas cepas altamente contaxiosas como a británica que, segundo afírmannos, será a predominante en marzo e á que, segundo algún estudo (creo que aínda non replicado), afectaría máis os nenos que a cepa común.


C7MzFs N


Mural colectivo de membros da Plataforma

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE