O Bierzo: A quinta provincia de Galicia? O BNG levará ao Parlamento de Galicia o debate sobre a súa adhesión

Os nacionalistas presentan unha iniciativa en colaboración con Coalición polo Bierzo, que pide que se escoite "a voz" dos bercianos

|

O partido nacionalista insta a cámara galega a atender unha reivindicación histórica dos bercianos.



A iniciativa presentada realízase en colaboración con Coalición polo Bierzo, que pide que se escoite "a voz" dos bercianos.


A deputada do BNG María González Albert e o secretario xeral de Coalición polo Bierzo, Iván Alonso, en rolda de prensa
O BNG traerá ao Parlamento de Galicia a reivindicación de Coalición polo Bierzo de que esta comarca reciba a consideración administrativa de provincia, á vez que se solicita á Xunta que manteña a porta aberta a unha posible adhesión do Bierzo á comunidade autónoma de Galicia.

A iniciativa, que será levada a pleno a través dunha proposición non de lei, pedirá o respaldo da Cámara galega á declaración do Bierzo como provincia, unha demanda "con ampla base" social que xorde da "vontade" do "pobo berciano", como recollen distintos estudos demoscópicos publicados nos últimos tempos.

Os encargados de presentar a proposición foron a deputada do BNG María González Albert e o secretario xeral de Coalición polo Bierzo, Iván Alonso, quen reclamou que "se escoite a voz dos bercianos" e aténdase as súas demandas a través de mecanismos democráticos para o seu recoñecemento como provincia.

Segundo expuxo a parlamentaria do Bloque, unha enquisa publicada a comezos do pasado ano 2020 revelaba que os bercianos eran partidarios de constituír unha provincia propia que se incorporase a Galicia por diante de formar parte dunha hipótetica comunidade autónoma de León.

Ante a conmemoración en 2021 do bicentenario da constitución da provincia do Bierzo (que abarcaba, ademais da propia comarca, territorios do que hoxe é León, Lugo e Ourense), BNG e Coalición polo Bierzo consideran "adecuado" impulsar esta reivindicación e traela ás institucións galegas.

Todo iso para crear un marco de "diálogo" entre a Administración galega e as entidades bercianas para explorar vías de colaboración que alarguen os "moitos" vínculos que unen Galicia con esta comarca situada nos límites administrativos entre terras galegas e leonesas.

Unha "barreira" administrativa que a crise provocada pola pandemia acrecentou, segundo expuxo Iván Alonso. "Esa fronteira administrativa é un auténtico drama económico, social e de afectos que non se pode consentir", apostilou.

E é que para Coalición polo Bierzo e o BNG, a separación administrativa desta comarca con Galicia é "inxusta" e "discrimina" aos seus veciños á hora de acceder a servizos ou en materia de infraestruturas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE