Juan Vieites, directivo conserveiro, novo presidente da CEG con con case nove de casa dez votos
O empresario vigués gañou a votación cun apoio do 88,9% e sae elixido novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
O reto para Vieites agora é maiúsculo: endereitar a patronal despois de anos de deriva, marcados por ata catro dimisións, a última de auténtico récord.
O vigués Juan Vieites foi elixido como novo presidente da confederación de empresarios de Galicia (CEG) co apoio do 88,9% dos votos emitidos. A súa era a única candidatura que se sometía a un proceso que empezou este luns co voto delegado e o martes co telemático.
Este xoves tivo lugar a asemblea electoral co voto presencial. En total, de 178 vogais de acordo cos últimos datos do censo facilitados pola confederación, emitiron o seu sufraxio 162 persoas, deles 144 a favor, seis en contra e 12 en branco.
Vieites afronta o reto de lograr a unidade empresarial e, sobre todo, mellorar a imaxe da patronal galega, lastrada por máis de cinco anos de pelexas internas que se traduciron en ata catro dimisións (José Manuel Fernández Alvariño en 2015, Antonio Dieter Moure en 2016, Antón Arias en 2018 e José Manuel Barreiros a finais de 2020).
Escribe o teu comentario