"O carbón debe ir desaparecendo pero a transición enerxética ten que levarnos a algún sitio"

|

En plena onda de frío a central térmica das Pontes foi relevante para atender a demanda de enerxía, mentres o seu futuro inmediato segue pendendo dun fío cada vez máis fino. Endesa segue sen aclarar se aposta polo uso de biocombustibles para mantenela aberta ou a pecha para sempre.


Ricardo Casas, vicepresidente do comité de empresa da central pontesa, atende a Galiciapress para profundar na realidade da factoría, que a día de hoxe subsiste con unha persoal mermado e coa ameaza de despedimentos que pesa tanto sobre a central como sobre as empresas auxiliares. As alternativas industriais na zona, a tan ansiada transición enerxética xusta ou futuras protestas son outros dos temas desta conversación.


Central térmica das Pontes

Protesta na térmica das Pontes


O 2021 chegou e na antiga central térmica das Pontes aínda esperan noticias de 2020. A finais do ano pasado terían que coñecer cal ía ser o seu futuro que depende dun informe que marcará o devir da planta. Pero ese informe, que acumula varios atrasos , segue sen chegar, e mentres isto sucede o reloxo de area enterrando a un municipio e a unha comarca que queda sen alternativas.


Ricardo Casas, vicepresidente do comité de empresa (CC.OO), subliña que mentres sigan sen chegar novas informacións ao redor deste proceso tan opaco sobre se será ou non viable o uso de biocombustibles na central, todo fai indicar que desde Endesa seguen “a súa folla de roteiro”, que non é outra que inclinarse polo peche definitivo da planta.


Estabamos á espera da elaboración dos informes e a súa entrega antes de final de ano. Aínda non chegou ese informe. Estamos na mesma situación”, expoñen desde o comité de empresa, onde manteñen a esperanza para atopar unha solución.  “Pedimos que se presente dunha vez ese informe e que continúe a procura da viabilidade da planta con biocombustibles porque estamos convencidos diso. É unha solución viable, xeradora de emprego para manter o tecido industrial na comarca e á vez supoñer unha solución ambiental”, argumentan.


Esta solución, en todo caso, sería un parche provisional mentres Endesa avanza cara á transición enerxética e segue achandando o camiño para implementar enerxías renovables. Unha transición á que o comité de empresa nunca se opuxo, pero para a que se necesitan alternativas. “Estamos completamente de acordo coa transición e entendemos que o carbón debe ir desaparecendo, pero para poder sacar o carbón do mercado necesitamos que a alternativa estea xa”, reclama Casas, que insiste na queima de biocombustibles como a solución inmediata que necesita As Pontes. “A transición ten que levarnos a algún sitio, non a ningunha parte”, incide.  


“É unha solución moi boa que pode dar saída ao mantemento do tecido industrial galego nun momento de profunda crise no que asistimos ao peche de moitas compañías –ERE en Siemens Gamesa, falta de carga de traballo en Navantia, crise en Alcoa e Alu Ibérica…– e que pode provocar unha emigración masiva de xente. Este sería un foco de traballo e á vez unha alternativa para un problema ambiental como a xestión dos lodos”.


ONDA DE FRÍO E CENTRAL BAIXO MÍNIMOS

Neste escenario no que a empresa xa levara a cabo unha redución de persoal “drástica” segundo os propios traballadores e onde os medios e os labores de mantemento brillaban pola súa ausencia, os empregados da antiga térmica víronse obrigados a responder á demanda de enerxía provocada pola onda de frío a pesar de que co persoal actual unicamente puidéronse activar dous grupos “grazas á profesionalidade e o enorme traballo por parte dos empregados”.



Neste sentido, desde o comité de empresa reprochan a falta de transparencia de Endesa tanto é os seus movementos como na comunicación cos empregados. Sen saber cando nin como se presentará o informe definitivo do que depende o futuro da central e mentres se seguen efectuando as recolocaciones forzosas, “que rompen familias e empobrecen demográficamente a zona”, nas Pontes cuestionan as verdadeiras intencións da compañía: “Que présa hai por baleirar a central mentres está dispoñible e non existe acordo de peche?”.


“Vimos que a central foi necesaria nestes momentos aínda co uso do carbón. Non entendemos que se produzan estas reducións no persoal mentres os grupos non teñan aprobado un peche definitivo e sen estudar todas as alternativas. Quedou demostrado que coas reducións só podemos poñer en marcha dúas dos catro grupos que tiñamos, aínda que a empresa cría que xa non ían ser necesarios”, recalcan desde o comité de empresa, que volve reclamar a Endesa que desista no “desmantelamento encuberto” da planta e que acometa as contratacións necesarias para garantir o correcto funcionamento da factoría.


Uns investimentos que si se realizaron na central de ciclo combinado, ademais de acometer outras melloras con un desembolso próximo aos 30 millóns de euros, algo que celebrou recentemente Endesa. “Están a realizarse apostas pero na central de gas. Endesa está a vender un gran proxecto de renovables con investimentos e xeración de emprego, algo que está ben e encomiamos desde o comité, pero trátase de proxectos que a curto prazo non son suficientes”, lamenta Casas.


A enerxía eólica non se monta en dúas nin en tres meses, senón que pasarán anos ata que poidan ser viables. Que futuro hai na comarca se non atopamos alternativas para transformar parcialmente a central? Quedariamos sen nada”, critican desde o comité de empresa, á vez que insiste en que o uso de biocombustibles é “a solución” e que eles poden ser motor e ponte cara á transición enerxética xusta con proxectos como o biogas.



REUNIÓNS E PROTESTAS

Mentres o informe técnico segue nas pavías, no comité de empresa agardan a concretar as reunións solicitadas coas administracións públicas, como o Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia ou a Delegación de Goberno. “Esta é unha decisión na que se teñen que mollar e implicarse; apremamos a súa resposta porque é urxente, xa que na súa man están as autorizacións de peche e dos posibles proxectos que manexa a empresa”, esgrime Casas.


Nesa orde, desde o comité de empresa percibiron unha certa hibernación por parte das administracións públicas desde finais de ano. Ese silencio inquieta e moito nas Pontes, que segue co problema encima da mesa mentres o reloxo segue correndo na súa contra. Por todo isto, traballadores, transportistas ou empregados de empresas auxiliares valoran emprender novas mobilizacións para visibilizar a súa situación.


Estamos a estudar novas actuacións desde a coordinadora de auxiliares e o comité de crise onde nos atopamos todos os actores implicados. Buscamos facer un cronograma de actuacións a partir de agora, porque tentamos que se traballase na central e non interromper o proceso, pero hoxe entendemos que non podemos esperar máis”, censura Casas.


ALTERNATIVAS VERDES?

No día de onte Galiciapress adiantou que Naturgy planea que Cerceda, onde estaba a antiga térmica de Meirama, sexa o emprazamento para unha planta de hidróxeno verde, que é unha das apostas de futuro que tamén fan desde Endesa. Aínda que por agora isto só é un proxecto, moitos ven este plan como unha segunda vida para as térmicas, xa que o hidróxenos verde é un dos proxectos tractores da Xunta de Galicia como tamén o é a planta de viscosa que programa o goberno rexional e sobre a que a concelleira de Industria das Pontes, Ana Pena, indicaba para este medio que a localidade era un lugar idóneo para situar esa factoría.


Estas alternativas industriais foron moi ben recibidas polo comité de empresa, especialmente a posibilidade de que o hidróxeno verde poida ser avaliado tamén como alternativa para a antiga térmica, así como a enerxía eólica “nunha zona punteira, onde atopamos os parques eólicos máis antigos e onde moitos están á espera dunha renovación da maquinaria”.  


“Pero todo isto leva os seus prazos, polo que non podemos pecharnos á transición xusta que propoñemos e evitar unha deslocalización de emprego mentres sentan as bases dos proxectos do futuro”, conclúe Casas, que aínda garda a esperanza de evitar un novo éxodo en Galicia como o do século pasado. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress