O Día das Letras Galegas 2021 dedicarase á poeta Xela Arias; non se prolongan as homenaxes a Carvalho Calero

A tamén profesora, editora e tradutora será a quinta muller elixida pola academia para centrar as celebracións do 17 de maio

|

A autora sarriá, falecida en 2003, será a quinta muller á que se dedica o día máis importante da literatura e cultura en lingua galega.


Neste 2020 Carvalho Calero foi o homenaxeado, pero a pandemia impediu que se puidesen desenvolver moitos dos actos. Varias organizacións pedían prolongar a 2021 e de forma excepcional as celebracións en honra a Calero, algo que rexeitou a RAG.


Xela Arias, escritora galega.


O pleno da Real Academia Galega (RAG) acordou este martes que as Letras Galegas de 2021 estean dedicadas a Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003), unha das voces "máis destacadas da poesía galega contemporánea" pero que tamén tivo carreira como profesora, editora e tradutora de clásicos.

Nun pleno iniciado sobre as 18,00 horas e dunhas tres horas de duración, a academia decidiu homenaxear o próximo ano a súa poesía "singular, transgresora, sincera e comprometida". Xela Arias formou parte dun grupo de poetas aos que a institución pretende recoñecer a través da súa figura: aqueles autores novos que renovaron a lírica en temas, estilo e forma a partir dos primeiros anos dos 80.

A que será a protagonista das Letras Galegas do 2021 "concibía a poesía como unha forma de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar", tal e como destaca a RAG nun comunicado.

A procura do 'eu' profundo e reflexivo, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo da fotografía, a música e a pintura son outros eixos principais de obra da autora sarriá.


COMEZOU NOS 80

Xela Arias publicou os seus primeiros versos en revistas e xornais a inicios dos 80. En 1986, conseguiu ser finalista do premio Losada Diéguez con 'Denuncia do equilibrio', o seu primeiro libro, que anticipou as liñas da poesía dos anos 90. Precisamente, en 1990, lanzou 'Tigres coma cabalos', un volume no que os versos e a fotografía fusionábanse en 24 poemas acompañados de imaxes, a maioría de corpos espidos --entre eles, o seu propio--.

'Darío a diario' (1996), dedicado ao seu fillo, foi o seu terceiro poemario e nel abordou a maternidade desde unha mirada afastada do tradicional. O seu último libro, 'Intempériome' (2003), chegou como outro chanzo na súa explotación "para converter a desobediencia e a transgresión" en poesía, segundo explica a RAG.

Todos estes volumes, ademais doutros 62 poemas publicados en revistas e obras colectivas, foron recompilados en 2018 en 'Xela Arias. Poesía reunida (1982 - 2004)', unha edición a cargo da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira.


"DIMENSIÓN PÚBLICA E COMPROMETIDA"

Coa súa elección como figura das Letras Galegas de 2021, a Real Academia Galega pretende recoñecer tamén "a dimensión pública e comprometida" da súa vida e obra. E é que, máis aló da súa produción literaria, alzou a voz en mobilizacións como as da marea negra do 'Prestige' e foi defensora da lingua galega.

Como parte do equipo de Edicións Xerais --onde traballou de 1980 a 1996--, Arias contribuíu a fixar a normativa do idioma cooficial como correctora de estilo e editora. Así mesmo, nos 80 centrou parte da súa carreira en traducir ao galego desde o inglés, o italiano, o portugués e o castelán a autores como Bram Stoker, Roald Dahl, Angela Carter e Gianni Rodari, entre outros, ademais de participar na transcrición ao galego do 'Quixote' de Cervantes e de 'Dublineses', de Joyce.

Nos últimos anos da súa vida, tras licenciarse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Gallego-Portuguesa, foi docente nos institutos de Chapela (Redondela), no Álvaro Cunqueiro e Valadares II (Vigo), A Sagriña (A Guarda), Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Santiago).

Xela Arias será a quinta muller en protagonizar a celebración do 17 de maio, tras Rosalía de Castro --foi a primeira, en 1963--, Francisca Herrera Garrido --1987--, María Mariño --2007-- e María Vitoria Moreno --2018--.


NON SE PROLONGA O ANO CARVALHO CALERO

A elección de Xela Arias como figura homenaxeada supón desestimar as peticións lanzadas desde diferentes entidades culturais, civís e políticas, entre elas o Concello de Ferrol cunha declaración institucional por unanimidade, para que se estendese o ano Ricardo Carvalho Calero ao 2021 pola excepcionalidade que supuxo un 2020 condicionado pola pandemia do coronavirus. Mesmo a Xunta chegou a admitir que había "argumentos" para facelo, aínda que dixo que respectaría o que decidise a academia.

De feito, o pleno extraordinario da RAG do Día dás Letras Galegas, que todo os anos recae o 17 de maio, tivo que ser atrasado ata en dúas ocasións, ata que se celebrou finalmente o 12 de decembro na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago e non en Ferrol. Isto tamén suscitou polémica na cidade natal do escritor.

Naquela sesión, o presidente da academia, Víctor F. Freixanes, xa deslizou que non ían renunciar "" a recoñecer a outra figura da literatura o próximo ano, aínda que durante os próximos meses poderán continuar as homenaxes a Carvalho Calero.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE