Temerario e reincidente: collen por terceira vez nun mes a un condutor co carné retirado ata 2023
Como non hai dous sen tres, un condutor co carné retirado ata 2023 foi pillado de novo pola Garda Civil no transcurso dun mes.
O condutor, de 31 anos, xa foi multado en Santiago de Compostela e Ortigueira. Nesta ocasión, foi un operativo de Narón o que deu co infractor.
A Garda Civil de Tráfico sorprendeu a un condutor de 31 anos que ía ao volante a pesar de ter o carné suspendido ata xuño de 2023 por unha condena penal imposta por un xulgado de Barcelona. Trátase do terceiro episodio deste tipo que protagoniza o mesmo condutor en pouco máis dun mes.
Segundo detalla o Instituto Armado este xoves nun comunicado, o home conta con "múltiples" antecedentes por infraccións de seguridade viaria. Nesta ocasión foi localizado ao volante nun control de alcoholemia instalado o pasado 1 de decembro na AG-64 á altura de Narón (A Coruña).
Nese momento, os axentes comprobaron que sobre o condutor pesaba unha sanción de 3 anos de suspensión da licenza para conducir vehículos de motor.
Con esta é a terceira vez que a Garda Civil detecta a este condutor ao volante en menos dun mes tras ser soprendido en distintas datas circulando en Santiago e Ortigueira. Así as cousas, o investigado deberá comparecer perante o xulgado de Garda de Ferrol para responder por un novo delito contra a seguridade viaria.
Escribe o teu comentario