Pontón (BNG): Madrid é unha "especie de paraíso fiscal" mentres Galicia soporta un "sistema discriminatorio"
Os nacionalistas galegos únense aos que denuncian o suposto 'dumping' fiscal creado polo PP na capital. Está por ver, iso si, se están de acordo coa proposta de harmonizar os impostos autonómicos, o que na práctica implicaría unha perda de autogoberno para Galicia.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou este venres que Madrid "converteuse nunha especie de paraíso fiscal", mentres Galicia leva anos cun sistema de financiamento autonómico "caducado e discriminatorio".
Así o trasladou en resposta a preguntas dos medios sobre o debate acerca da harmonización fiscal en España, durante o acto de presentación dunha campaña do BNG en apoio do comercio local en Santiago de Compostela.
En resposta aos xornalistas, Pontón sinalou que "é evidente que Madrid leva moitos anos dopada polo efecto de capitalidade" e "converteuse nunha especie de paraíso fiscal".
CAMBIO DAS NORMAS DE REPARTICIÓN
Fronte a iso, subliñou, Galicia "leva 6 anos cun sistema de financiamento caducado e discriminatorio", que lle impide dotarse dos recursos para afrontar as súas necesidades. De feito, incidiu, este ano a comunidade galega vai recibir "menos recursos" por financiamento autonómico.
"Hai que cambiar este marco que discrimina a Galicia, e ter capacidade para facer unha fiscalidade xusta, capacidade plena para recadar impostos e con iso fortalecer a Sanidade, a Educación, e ter investimentos para a reactivación económica tan necesaria", sentenciou.
Escribe o teu comentario