Preto de 16.000 galegos poderán acudir ao subsidio para parados que esgoten a súa prestación, di delegación do Goberno
Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia, estimou que preto de 16.000 galegos poderán reclamar esta prestación especial de 430 euros.
De igual maneira poderán acceder a esta prestación especial as persoas que cumpran o mes de espera para acceder ao subsidio de esgotamento da prestación contributiva.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, calculou que case 16.000 galegos poden xa solicitar o novo subsidio destinado a aquelas persoas que esgotaron as prestacións por desemprego durante o primeiro estado de alarma, entre o 14 de marzo e o 30 de xuño, e que non dispoñan doutras axudas.
Trátase dunha prestación especial de 430 euros que aprobou a semana pasada o Consello de ---Ministros e, en palabras do delegado do Goberno, "busca compensar esta perda de ingresos a un colectivo especialmente castigado pola crise sanitaria, ao dar cobertura a aqueles que non puideron reincorporarse aos seus traballos pola pandemia e que non dispoñen doutras prestacións".
Esta nova medida de protección, que durará un total de 90 días, someteuse ao diálogo social e estaba recollida xa no II Acordo Social en Defensa do Emprego. Os seus posibles beneficiarios deben estar en situación de desemprego e rexistrados nos sistemas públicos como demandantes.
Tamén poderán acceder a esta prestación especial as persoas que cumpran o mes de espera para acceder ao subsidio de esgotamento da prestación contributiva.
Así, de acordo coas cifras que manexa o Ministerio de Traballo e Economía Social, en Galicia hai 15.982 persoas que cumpren os requisitos e que, por tanto, "xa poden solicitar esta prestación", apuntou o delegado do Goberno.
En concreto, a provincia de Pontevedra é a que máis posibles receptores rexistra, con 6.652, seguida da Coruña, con 6.091. En Lugo hai 1.622 potenciais beneficiarios, mentres que en Ourense hai 1.617.
Ademais, Javier Losada asegurou que o Executivo central "simplificou ao máximo os trámites para facilitar as solicitudes", á vez que avanzou que durante estes días enviarase unha carta aos posibles beneficiarios na que se informa desta axuda e os trámites para obtela.
Escribe o teu comentario